Stoner contundente da man dos vigueses Martillo
O abanico musical da nosa cidade, ademais de amplo, goza dunha gran saúde, xa que non deixan de xurdir novos grupos de estilos moi variados. Martillo é un deles, que aínda que se formou fai tres anos, sacaron o seu primeiro EP fai apenas un mes. O seu é o stoner, denso e potente, mesturado con longas pasaxes psicodélicas e progresivas. Este venres 22 actúan na Sala Kominsky acompañados por Ghesgha e Los Dámasos. Podes mercar aquí as entradas anticipadas a 6€.
Martillo é un proxecto relativamente novo. Como naceu fai tres anos?
Foi todo casualidade e ganas de xuntarse a tocar sen máis obxectivos. Patricia nunca tocara a batería, pero si tiña experiencia coma guitarra de Kill Leader, e David era a primeira experiencia tocando fora da súa habitación. Daquela época traballábamos os catro na mesma empresa, Patricia tiña ganas de tocar e propúxolle a David inscribirse como grupo en Vigosónico para poder ter un sitio onde facer ruido. Máis tarde ela propúxolles a Arturo (ex-baixista de Funk’N Bastards) e a Nico vir tocar, e decidiron intercambiarse postos, co cal todo o mundo estaba a aprender un novo instrumento.
Como xorde o nome da banda?
Nese intre de cubrir o papel da inscripción en Vigosónico, naceu o nome de Martillo. David non o tomou moi en serio, pero a verdade é que agora estamos a conseguir darlle sentido a ese nome en base ao contundente do noso son. Definitivamente o que máis axudou foi ter a sala de ensaio nada máis saír de traballar, facendo previas longas no bar do lado, e que deu pé a falar entre todos as cousas que queriamos levar a cabo. Despois de tocar apenas un par de versións comezamos a compoñer temas, e en pouco menos dun ano, chegamos ao noso primeiro concerto na Iguana con 5 temas propios, algo impensable apenas seis meses antes.
Como definiriades o son de Martillo?
Contundente sobre todo, e ata denso nalgúns pasaxes, querendo levar ao espectador con nós na nosa viaxe. Igual non é a mellor carta de presentación, pero cremos que, coma moitos grupos do xénero, necesita atención, paciencia e tapóns nos oídos (saúde auditiva ante todo) para ser entendido ou asimilado.
Que nos podedes contar de Creatures of the Universe, o voso primeiro EP?
Estamos bastante contentos de amosar o que e como tocamos actualmente. Gravámolo nos estudos de SondeSon, na Coruña, nun formato en directo, como un concerto. Basicamente son catro temas que fan referencia directa ao estilo que estamos tocando agora: menos directo, apenas sen letra, temas longos, e maiormente con pasaxes instrumentais que nos dan espazo para gozar e improvisar ata que chegan as partes ou riffs máis directos. Neses temas tentamos mezclar un pouco o que nos gusta a cada un, coa base stoner, e despois pinceladas de space rock, post-rock, rock psicodelico, blues, riffs algo doom por momentos… todo nun ambiente que incluso tende ao xénero progresivo.
Coñecedes máis bandas locais ou galegas cun son similar ao voso?
Destacariamos primeiro de todo un grupo de Ponteareas chamado Gravesen, aos que consideramos irmáns, cos que pasamos moito tempo xuntos, aparte de gustarnos moito a súa música. Por Vigo poderiamos nomear bandas como Atlantic Valley, You Dog!! ou Mano de Piedra, cun sonido máis metal incluso . Da Coruña poderíase destacar a Dagla, e en Ourense recentemente tamén tocamos con Escafandra, que nos deixaron moi sorprendidos coa forza que desprenden.
Máis aló do stoner, como vedes a escena musical viguesa?
Pregunta complicada. Por un lado, a oferta de concertos na fin de semana en Vigo é bastante ampla e a xente, según lles coincida, dá unha resposta medianamente boa acudindo. Tamén percibimos que non sempre son grupos locais ou da zona os que actúan como teloneiros dos grupos que veñen de fóra, o que lles poderían axudar a dar ese impulso as bandas emerxentes ou bandas xa consolidadas no ámbito local. Cremos que dalgunha maneira a escena xeral necesita un novo impulso. Un mundo idílico sería ese no que o espectador vai tanto a un concerto de jazz, indie, folk ou metal, e cremos que unha parte importante do público está segmentado, tendo “medo” de afastarse do seu terreo para explorar a escena.
Por último, temos que facer mención tamén que vemos preocupados como a nova ordenanza da Lei de Espectáculos de Galiza comeza a afectar ao desenvolvemento de moitos concertos, e cremos que vai precarizar moito máis o panorama musical en xeral, xa non soamente en Vigo.
Nos últimos meses tocáchedes noutras cidades galegas como Ourense, Coruña, Ferrol ou Santiago. Que tal se está a recibir a vosa música fora de Vigo?
En termos de asistencia, non temos moita queixa xa que somos todavía un grupo emerxente. En canto á xente que nos da a súa opinión despois dos concertos, coméntannos que lles gusta o noso estilo e parécelles interesante as nosas ideas, pero aínda temos moito que aprender e pulir nos directos. Algo que nos din e nós mesmos xa sabemos é que aínda non estamos a inventar nada, mais estamos a desenrolar un son propio pouco a pouco. Transmitir o que tocamos e facer que os espectadores se sumerxan no noso mundo, ese é o obxectivo a acadar.
Sodes uns dos organizadores do High Gain Festival. Estades a preparar unha nova edición?
Leva exactamente un ano parado xa e nestes intres non estamos a planear nada. De seguro que o retomaremos, esperemos que nun futuro non moi afastado.
E que plans tedes para o futuro próximo?
Pois estamos a preparar algúns concertos para seguir presentando o EP pola xeografía galega e quen sabe se tamén fóra! Calquera nova, estaremos por Facebook ou Instagram comentándoo, así que recomendamos á xente que esté atenta e se anime a seguirnos nas RRSS.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024