Socios e sabuxos
Nun local moi acolledor no inicio da rúa de Sanjurjo Badía damos coa clínica veterinaria Sabuesos, encabezada por Jessica García e Marcos Lema. O primeiro que salientan os dous socios é a dureza psicolóxica do traballo que levan a cabo neste centro. Lonxe do que poida parecer desde fóra, traballar con animais non é sempre tan pracenteiro, pois tamén se producen situacións moi complicadas e intensas: «É bastante frustrante, pois non sempre deixan facer o traballo dun e hai xente que quere que os animais durman á mínima», comenta magoado Marcos.
O problema principal radica, segundo a propia experiencia, na tenza irresponsable. Hai quen ve aos animais como un obxecto ou un complemento, sen ter consciencia da responsabilidade que supón facerse cargo dunha vida: «É un membro máis da familia; para ter un can ou un gato fan falta dúas cousas fundamentais: tempo de calidade para dedicarlle e tamén cartos, pois a alimentación adecuada e os coidados veterinarios supoñen un custe», indica Jessica. A pesar dalgunhas malas experiencias con certo tipo de clientes, Jessica e Marcos continúan ao pé do canón, dando o máximo para que os animais non saian perxudicados, o verdadeiro motivo polo que se levantan cada día. Aínda por riba, o 21 % de IVE ao que están sometidos os servizos veterinarios tampouco axuda a poder reducir, aínda máis, ese prezo co que sufragar gastos básicos como o alugueiro do local, a maquinaria especializada ou os salarios.
Xa que logo, a educación é unha ferramenta básica para tratar con respecto os nosos compañeiros animais. Isto implica que as visitas ás clínicas deben ter certa periodicidade, non só visitar a clínica cando os animais levan días ou mesmo semanas enfermos. A medicina preventiva, máis aló das vacinas, é de vital relevancia nestes casos, pois pode aforrar moitos problemas futuros en cans e gatos. «Os gatos, por exemplo, non adoitan mostrar síntomas de enfermidade ata que xa está moi avanzada, por iso é moi importante facer analíticas, diagnósticos por imaxe… pero á xente cústalle aceptar isto, e só nolos traen cando están para morrer», sinala Marcos.
Outro tema delicado é o dos tratamentos oncolóxicos nos peludos, pois teñen na cabeza os efectos secundarios que este tipo de prácticas teñen nos seres humanos: «Existe un rexeitamento de entrada ao escoitar falar de quimioterapia, pero é por descoñecemento. Os tratamentos en persoas e animais non teñen o mesmo fin, pois no primeiro caso os médicos van buscar que te cures si ou si, utilizando cantidades brutais de substancias químicas, mentres que no segundo preténdese alongar o máximo posible a vida do animal sen menoscabarlle a calidade», apunta Marcos. Fan fincapé no que supoñen un ou dous anos máis de vida no caso dun animal: «É como se a ti che din que vas vivir 15 anos máis», explica.
Para premiar dalgún modo a todas aquelas persoas que decidiran adoptar un can ou un gato o último ano nunha protectora oficial, a mediados deste mes ofrecen unha serie de descontos en diferentes servizos, como consultas, ecografías ou radiografías. Unha oferta por tempo limitado que busca fomentar a adopción, unha maneira de que eses animais que se encontran en canceiras e refuxios teñan a oportunidade dunha nova vida.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024