CAMELIAS MASCOTAS

Silvia Penas: “A arte non se pode desligar do que somos”

Silvia Penas (Vigo, 1980) é poeta, creadora artística e performer. Nos seus espectáculos poéticos, a  voz e o corpo fusiónanse sempre no escenario para levar a poesía á súa máxima expresión. Como ela mesmo recoñece, ambos son un, falan a mesma lingua. Entre as súas obras destacan Biografía da multitude (2010, Premio Victoriano Taibo, en coautoría con Elvira Riveiro), As uñas crecen (2013, Premio Manuel Lueiro Rey), Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (2015, Premio de Poesía Avelina Valladares), Fronteira paraíso (2021), con fotografías de Jesús Andrés Tejada e un disco homónimo a cargo de Cintaadhesiva, o poemario O resto é céu (en portugués) e, recentemente, Retratos de vodas, partos e funerais. Sobre este último, e tamén sobre o concepto da poesía, falamos con ela.

Silvia Penas | P. Vázquez

Para min estes retratos son fragmentos de imaxes, experiencias, historias por veces, que xurdiron a partir de intres tamén fragmentarios. Un pensamento, unha anécdota familiar, unha historia que me contaron, unha foto … Gústame pensar que son coma os retratos de antes, que entre o momento en que o obxectivo enfocou o que quería capturar e o revelado, algo acontece. Entre estes retratos de palabras e a mirada lectora oxalá algo suceda.

Efectivamente, hai poemas xa bastante antigos, que xa recitei moitas veces e que incluso foron cambiando a través do seu paso pola oralidade, e outros son moito máis recentes e naceron a medida que se ía construíndo o libro. Diría, que algúns textos teñen unha entidade propia, como pequenas illas, retratos de rostro en primeiro plano, e outros van completando contextualmente eses primeiros planos, son fondos, atrezo, planos detalle. Foi un proceso longo, de escrita e reescrita, de composición organizativa … Partín dun grupo de textos que fixera para un proxecto que realizamos Cintaadhesiva coa Orquesta Clásica de Vigo e arredor deles fun colocando  algúns que existían previamente e creando outros. Despois estruturando. Facía e desfacía constantemente. Materializouse finalmente porque un día veu ese título á miña cabeza.

A verdade é que moitas veces, como lectora, cando volvo coller nas mans un libro de poemas que xa lin, nesa segunda lectura descubro outro, e poderiamos seguir ata o infinito reconstruíndo coa nosa mirada cada libro, cada texto, cada verso. Ten o don o código poético de se multiplicar, de camuflarse e reaparecer en todo o seu esplendor segundos máis tarde, semanas despois, pasados centos de anos. 

Na oralidade interveñen máis elementos, claro, a propia voz xa coloca o poema no corpo e dótao dun ritmo concreto e particular, ponlle un corazón, e unhas mans e movemento … O feito de que haxa un público ademais converte esa experiencia nun ritual comunitario, onde se conxugan afectos, bagaxe, atención plena …Eu preparo os recitais dunha maneira bastante obsesiva e concienzuda. Adoito traballar con música, entón saio a camiñar cos auriculares e repito e repito ata que as palabras encaixan no momento exacto que decido previamente que deben encaixar. Que a atmosfera musical e estética e o ritmo cadren coa voz é primordial para min, ata que está iso ben ensamblado, pois hai que seguir traballándoo e repetindo.

Silvia Penas | P. Vázquez

Son dúas realidades que conviven habitualmente nas que habitamos as cidades galegas. En concreto en Vigo, a maioría das compañeiras coas que medrei pertencían a familias que proviñan de Ourense principalmente ou de aldeas doutras provincias. Na miña xeración esa crioulización ou mestizaxe era o máis habitual. Iso marcou moito tamén o tema da lingua, o xeito en que o galego e o castelán convivían nos fogares dunha maneira diglósica, ás veces dividida pola idade, pero non sempre, dábanse toda unha serie de factores á vez que creaban un abano lingüístico por veces difícil de analizar e clasificar. A ese mundo da aldea debo a miña escolla lingüística e tamén ás profesoras que me foron sacando os prexuízos a base de amor, coñecemento e sentido común. De todos xeitos, creo que hai moito de Vigo, de cidade obreira e portuaria, de barrio e arrabalde no que escribo. Son moi de aquí, moi desta maneira de ser calquera no medio de moita xente, e non hai que esquecer que a propia cidade tamén é mestiza e conserva illas e arredores rurais. Diría que me identifico coa anatomía viguesa, catro bloques de tixolo arredor dunha casa con patio e leira con galiñas.

Ese verso pode remitir a iso que comentas, por suposto, a ese espazo que ás veces se nos volve na contra, principalmente ás mulleres, que é a casa. É algo que tratei máis a fondo en Fronteira Paraíso, a casa como inimiga, como xardín cercado onde unha pode estar engaiolada e transitando sempre un espazo liminar que non é nin unha cousa nin outra. Neste caso deste poema que mencionas tamén remite a esas mulleres que unha vez fomos e xa non somos, que supón tamén unha especie de morte. A muller morta dese poema vivía no amor romántico e anos máis tarde fronte ao retrato da casa, de súpeto, revélase o esvaecemento daquel anceo, daquela suposta realidade.

Silvia Penas nun espectáculo de Cintaadhesiva | P. Vázquez

Si, en realidade todo o poemario procura pasar polas contradicións que conforman a nosa identidade. Inma López Silva comentou na presentación do libro na Morada que este era un poemario de como unha se fai muller, e eu nunca o pensara desa maneira, pero creo que ten razón. E como unha se fai muller non depende só dunha mesma. Hai moitas voces, moitas mulleres, tamén homes, que atravesan estas páxinas, como coro que vai conformando colectivamente a identidade dese eu que predomina e á vez colocando no centro cada unha desas identidades diversas. Calquera muller podería identificarse, penso, si, de calquera idade, aínda que ese poema ao que fas referencia é do que máis me teñen falado compañeiras da miña xeración, viguesas, que se ven reflectidas nesa cidade de formigón e sen nostalxia que protagoniza o poema.

Eu son moito de berrar nos recitais, como sabes, si. E ademais creo que cando tes a posibilidade de dicir algo e ser escoitada, ou lida, como neste caso, está ben deixalo dito alto e claro. A arte non se pode desligar do que somos, do espazo e do tempo que habitamos, o meu corpo fala o mesmo idioma ca os meus textos.

Desde logo que si,  o poema que máis me custou construír, rematar, etc, e non só deste libro, senón de todos os que escribín ata o de agora foi “Canto primeiro para un único fillo”, e creo que en parte porque teño máis bagaxe escribindo desde o lugar da filla ca desde o da nai. O lugar da filla é máis benévolo, menos esixente, menos contraditorio. A nai é aínda un punto de mira na sociedade demasiado etiquetado, e sacalo de aí é complexo, todas as caras e facetas de ser nai non conflúen facilmente nun discurso.

Silvia Penas e Samuel Merino no recital da nosa festa de V aniversario | P. Vázquez

No caso de O resto é céu, hai unha volta ao espazo rural da miña infancia a través dunha viaxe a Cabo Verde. Non tiven presente cando o escribía que fose especialmente oral, pero supoño que iso xa está en min, escribo coa voz. Naceron eses textos en noites de insomnio no Mindelo, na illa de San Vicente cando fun como convidada ao Festival Txon de Poesía, despois fun dándolle forma xa no regreso durante moitos meses, máis dun ano. Fronteira Paraíso é un poemario máis críptico talvez, camiña por un espazo hostil onde a violencia de xénero está moi presente. Paraíso é un lugar digamos imaxinario, entón nese caso non falaría tanto de ruralidade, aínda que si se menciona algún aspecto, pero diría que de todos os meus libros é o que se sitúa no plano menos real e máis onírico, coma unha viaxe ao recordo a través dunha ensoñación.

Por unha banda, a falta de atención na lectura da que actualmente estamos aqueixadas súplese un pouco con este tipo de propostas. As persoas vense interpeladas pola voz, pola palabra e prestan iso tan prezado e tan fuxidío: atención. Por outra, esa comuñón colectiva arredor da palabra, o encontro e o intercambio que se producen, tanto coas demais disciplinas e artistas coma co público, multiplican o efecto da poesía, dotan de máis significados os textos porque interveñen máis elementos e persoas. Permiten recuperar o ritual de mirarnos, escoitarnos, compartir, formar parte. 

Eu a poesía e o mundo non os distingo moito. E a capacidade que a poesía ten de transformar algo, o que sexa, é á vez dunha subxectividade tan concreta como cada unha de nós o somos e, á vez, unha tarefa de todas en conxunto. Porque o poder está na mirada que colocamos sobre a poesía, no valor que lle outorgamos, na atención que poñamos e no dispostas que esteamos a recibir esa palabra que escapa ao cotián e nos predispón  ao encontro coa beleza, coa reflexión, a afondar nunha sorte de verdade, se é que esta última se pode aínda dicir que existe. Na medida en que a palabra poética nos sacode e nos convoca arredor desta linguaxe, xa hai un camiño de luz aberto.

Vigo é unha cidade moi desgaleguizada en xeral, aínda que van resistindo as parroquias e algunhas convencidas coma min. Por parte do público hai maior aceptación, expectación e tolerancia cara a cultura en lingua galega ca anos atrás e as institucións dalgunha maneira normalizaron tamén algo máis o uso da lingua no ámbito cultural. Pero a propia cultura non conta con apoio abondo. Vigo ten moitísimas artistas en activo e moi interesantes, pero quedan un pouco reducidas ao local. Reivindico Vigo como centro da cultura galega.

Silvia Penas nun espectáculo de Cintaadhesiva | P. Vázquez

Este mes de marzo estarei na Facultade de Belas Artes de Lisboa canda Jesús Andrés Tejada (guitarra e videocreación) e Chucho González (percusión) coa performance Uma mulher ainda não parou o mais longo gemido da história do mundo creada a partir do libro de Saramago con ilustracións de Graça Morais O ano de 1993, que presentei na Sede Afundación no Centenario de Saramago en outubro de 2022. Estou moi contenta de retomar este traballo. Estarei tamén con Cintaadhesiva en diversos espazos galegos e non galegos, e espero poder ter tempo para rematar o proxecto escénico baseado precisamente en Retratos de vodas, partos e funerais.

REVISTA NOVEMBRO

Non sei se son eu quen de lanzar unha mensaxe que poida servir para acadar algo tan importante, tan urxente e, polo que parece, tan difícil. Levamos séculos remando e aínda se ven de lonxe as illas. Os meus esforzos nese sentido están postos en grande parte en educar ao meu fillo no feminismo e na igualdade e en colocar o meu propio corpo e a miña voz no espazo público compartíndoo e en comunidade coas miñas compañeiras.

Tensi Gesteira
Crítica literaria