CASAACUNHA
Shrek en galego

Shrek O Musical e QueenManía, primeiras confirmacións infantís para Castrelos

Pouco a pouco imos coñecendo todos os espectáculos que terán lugar este verán no auditorio de Castrelos, neste caso os dirixidos a crianzas. QueenManía, tributo á banda liderada por Freddie Mercury enfocado ao público infantil, visitará a cidade o 4 de agosto, mentres que Shrek O Musical fará o propio o día 6. Ambos serán ás 20:00 con entrada de balde en todo o recinto.

Banner A Movidiña

Aínda coa dúbida de cal será a última banda que visitará Castrelos este verán sobrevoando as nosas cabezas, hoxe déronse a coñecer dous dos espectáculos que formarán a programación infantil de Vigo en Festas. Unha oferta moi atractiva para pasar as soleadas tardes de verán no parque e no auditorio gozando do mellor lecer para nenos e nenas.

A primeira confirmación é QueenManía, outro dos moitos tributos á banda británica Queen, aínda que neste caso dirixdo ao público máis novo. A banda de orixe italiana formouse no 2006 por catro apaixoados de Freddie Mercury e compañía, que desde fai anos recorren Europa rememorando a música da raíña alá por onde van. Ademais de facer un percorrido polas súas cancións máis famosas, o espectáculo conta cun narrador que vai repasando os fitos máis relevantes da historia da agrupación. Poderemos velos o domingo 4 de agosto ás 20:00, con entrada de balde en todo o recinto.

Dous días despois, o martes 6, visitará novamente a cidade o ogro máis famoso da historia do cinema, esta vez cambiando o Auditorio Mar de Vigo polo de Castrelos. Falamos de Shrek O Musical, unha adaptación da mítica saga de Dreamworks con diálogos e cancións na nosa lingua, música en directo e dirixida a un público familiar, que fará gozar tanto a maiores como a pequenos. A historia de Shrek, a pesar de estar ironicamente situada nun mundo de princesas, fadas e dragóns, fuxe deses convencionalismos tan propios da literatura infantil, insistindo na importancia de ser diferente e de quererse a un mesmo a pesar das nosas peculiaridades ou defectos. Tamén terá lugar ás 20:00 con entrada de balde.