ARRIBADA

San Brais, sinfonía de viño e tradición

A festa do San Brais, unha celebración con máis de trescentos anos de historia, xunta cada febreiro os devotos da comida e a relixión (cada vez máis en minoría) arredor da mesa dun furancho. A parroquia que cobra vida cada inverno co son da música tradicional e o espírito festivo das súas tabernas efémeras.

José González, un gaiteiro local coñecido como Pepe, encarna a esencia da festa, á que leva acudindo «relixiosamente» desde hai máis de medio século: «Nos meus anos mozos xuntábame con amigos e iamos de bar en bar, tocando os nosos instrumentos». Pepe fala da década dos setenta, cando a festividade duraba apenas o 3 de febreiro e a véspera (hoxe esténdese durante catro semanas) e se caracterizaba por un ambiente espontáneo, coa música fluíndo tan libremente coma o viño. Nas tabernas daquela altura reuníanse, sobre todo, homes para compartiren comidas, cantaren cancións tradicionais e tocaren música. Naquela época chegaron os primeiros foráneos, principalmente, traballadores dos estaleiros de Teis, un barrio, coma Bembrive, con fonda tradición de cantos de taberna. «Os de Teis eran xente moi afeccionada a cantar e sempre caían enfermos o 3 de febreiro», comenta divertido o veciño. Logo de interpretar unhas pezas, «o do bar traía unha xerra de viño, e nós bebiámola a morro e iamos para outro». Este intercambio veciñal desinteresado xa non existe, pero o enfoque informal e itinerante da música segue sendo parte do encanto da romaría moderna. Durante o San Brais, ademais de actuacións programadas, músicos de moitas partes de Galicia achéganse para xuntárense con estraños a tocar, bailar e beber.

Os furanchos son a alma das celebracións, pero non sempre formaron parte delas. Ata finais do século pasado, os bares Veiga, Cruceiro e Palco eran os encargados de servir o barrantes e os principais escenarios das muiñeiras e alalás improvisados. Nos setenta, Chambi, un coñecido veciño do barrio falecido hai poucos anos, abriu o primeiro furancho do San Brais, e moitos replicaron a idea coa intención de avivar a festa e conseguir uns ingresos extra. Estas particulares tabernas son hoxe unha parte esencial da experiencia do San Brais, e unha proba máis de que a tradición muda e medra cos anos, acollendo a máis visitantes en cada edición. Mentres que no inicio «había catro tabernas antigas que servían como puntos de encontro, hoxe hai 25 furanchos en funcionamento», explica Samuel Lago, presidente da comisión de festas e encargado da barra do popular A Blasa.

Samuel Lago en A Blasa | Foto: Paula Cermeño

Os furanchos non son restaurantes formais; trátase máis ben de espazos habilitados en sotos ou locais alugados que abren só durante unhas poucas semanas ao redor do festexo. Son os lugares onde locais e visitantes poden gozar de racións de zorza, raxo e cocido xunto a cuncas de viños modestos, nos que mollan a palleta cantareiros experimentados e espontáneos. Precisamente da gorxa é patrón San Brais, aínda que ninguén por aquí parece botar conta dos seus milagres. Patricia Otero, alcaldesa pedánea da entidade local menor de Bembrive, puntualiza que, aínda que o nome asignado popularmente e a estética coincidan, «os de Bembrive non deben confundirse cos furanchos autorizados pola Xunta. Son postos da festa, polo que non lles afecta a mesma normativa». Por iso o viño non ten que ser da casa, poden ofrecer cantas opcións de bebida queiran e abren menos tempo, só durante o mes dos festexos.

A música é o outro piar fundamental do San Brais. É a través dos sons das gaitas, os tambores e as pandeiretas como a festa cobra vida de verdade. David Gómez, membro do grupo de percusión Pelepau, con sede en Bembrive, explica que o San Brais ofrece «unha oportunidade para divertirse sen ter que ir a unha discoteca ou un festival con outros tipos de música». Esta banda de percusionistas é unha das máis recoñecidas da festa. Naceron hai xa quince anos coa intención de darlles un aire novo aos temas de sempre e poñelos sobre o escenario. A súa música é «intrinsecamente interxeracional», sinala David, con cancións tradicionais como O gato, que son familiares para mozos e maiores.

Esta rica herdanza musical non está exenta de desafíos. Os músicos amósanse preocupados por unha diminución no compromiso das xeracións máis novas coa música tradicional. David incide nunha tendencia preocupante: cada vez menos persoas novas se unen a grupos musicais ou aprenden a tocar instrumentos tradicionais, «a pesar de telo realmente fácil coa escola de música, a orquestra e a rondalla que temos en Bembrive». Pepe é máis optimista e destaca o feito de que, malia que os mozos non se dediquen á música galega de maneira profesional, aínda queren aprender o suficiente para participaren no San Brais e continuar coa tradición.

O certo é que na última década algúns establecementos, ben por gustos da xerencia ou por querer compracer as novas xeracións, comezaron a reproducir nos seus altofalantes cancións de estilos modernos como o pop ou o reguetón, o que ameaza con diluír a esencia da verbena. «Do mesmo xeito que non van tocar a gaita a un festival de música house, non queremos que veñan escoitar electrónica ao San Brais. Se non queres escoitar música tradicional, perfecto, pero esta non é a túa festa», razoa David. En resposta a esta ameaza, a comisión de festas tomou medidas para reforzar o protagonismo da tradición. Este ano introduciuse un punto no regulamento da celebración que o deixa claro: «Queda prohibido reproducir música que non sexa tradicional galega». Samuel recoñece que a norma non foi ben recibida por todo o mundo, pero que, no que vai de evento, está respectándose sen incidentes.

Pelepau | Cedida

O San Brais en Bembrive é máis ca unha festa; é testemuño vivo da comunidade e a alegría da experiencia compartida. A festa parece destinada a seguir facendo honra á orixe latina do nome da parroquia: bene vivere, «ben vivir».

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.