Salgadura literiaria
Quen quere poder mercar libros por Internet facendo uso dun consumo responsable, sen recorrer ás grandes plataformas? Aquí sabemos como facelo: aposta por Lasal Books, unha librería en liña con selo vigués especializada en arte, arquitectura, deseño, fotografía e ilustración.
Detrás deste novo proxecto e sempre entre libros están Iria Costas e Luís Toba, formados respectivamente en deseño gráfico e fotografía. O pasado mes de maio botáronse á piscina e empezaron a facer da súa paixón pola cultura unha realidade, creando un catálogo literario no que descubrir novos valores, reencontrarse cos clásicos e espertar a curiosidade lectora. Ademais de coidar do catálogo, cóidase cada detalle deste microcosmos literario, empezando polo nome: «Lasal» fai referencia ao título en español do filme The Salt of the Earth (Juliano Ribeiro Salgado e Wim Wenders, 2014), un documental sobre Sebastião Salgado. O deseño do segundo «A» do logotipo representa un libro aberto e, asemade, un montículo de sal. O mimo co que se escolle cada título e a cuberta baixo a que se encaderna esta rede de libros non deixa indiferente a ninguén que se achegue á web lasalbooks.com, onde atopamos auténticas xoias: libros-obxecto, exemplares asinados polos autores e unha sección infantil con marca de seu, «Lasal Kids», que permite a inmersión literaria desde a infancia dunha maneira lúdica e brillante.
Tanto para gozar dun libro respirando o arrecendo do noso mar como para ler tranquilamente na casa, non hai escusa para non encher os andeis de boa literatura a golpe de clic. Boa lectura… e non esquezas o sal!
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024