CAMELIAS MASCOTAS

Sacra Experience, retiro creativo no paraíso lucense

Sacra Experience é unha iniciativa transformadora situada no corazón da Ribeira Sacra dirixida tanto a artistas en proceso creativo como ao público xeral a través de catas, concertos, formación, espectáculos artísticos, encontros e visitas.

Sacra Experience é un exercicio de responsabilidade e sustentabilidade para poñer nas mans de todos unha selección de artistas que buscan canles de comunicación co espazo natural, neste caso un lugar onde a vitivinicultura é unha parte esencial da paisaxe e da comunidade. Falamos de Pincelo, unha pequena aldea á beira do Miño situada preto do encoro de Belesar e a cinco quilómetros da praia fluvial da Cova, na Ribeira Sacra lucense.

Alí, Sacra Experience ofrécenos unha forma diferente de vivir a Ribeira Sacra, coñecer a súa xente e a contorna nunha fermosa casa rehabilitada con capacidade para 12 persoas. A vivenda conta con diferentes espazos, entre eles unha terraza cunhas vistas privilexiadas ao río Miño, onde probar os mellores viños da zona coa máxima tranquilidade.

REVISTA NOVEMBRO

O proxecto Sacra Forma quere poñer en marcha unha experiencia de formación artística multidisciplinar enmarcada na proposta integral Sacra Experience e complementando o Sacra Festival. Un programa formativo conformado por diferentes módulos que levará a cabo entre os meses de febreiro e outubro, contando con artistas e profesionais de diferentes disciplinas, coñecementos e enfoques. Un programa para celebrar no medio dun marco natural privilexiado, con aulas abertas e formacións especializadas para un mínimo de 12 persoas e un máximo de 15.

O próximo curso será un taller de fotografía este 20 de xullo da man de David Jiménez, fotógrafo de ampla experiencia que nos falará do poder da imaxe para expresar emocións e ideas ou de como buscar a inspiración. O seguinte será o 2 de agosto da man do prestixioso cineasta Oliver Laxe, quen falará da súa práctica cinematográfica poñendo como exemplo o actual proceso de realización de After, a roadmovie psicodélica na que leva traballando nestes últimos anos. Oliver compartirá decisións e materiais cos participantes: probas de casting, ensaios con actores, brutos de rodaxe, diferentes versións de guión, localizacións, planificacións, traballo sonoro…

Oliver Laxe | Cedida