REVISTA ABRIL

Mazinger, paraíso friqui

Hai case dúas décadas que tres amigos decidiron alugar un local de Torrecedeira habilitado para botar partidas de cartas como Magic: The Gathering ou xogos de mesa como Warhammer. A comunidade foi medrando cada vez máis, trasladándose primeiro á rúa de Zamora e, desde hai uns meses, á Vía Norte, nun local luminoso situado perante o Centro Comercial Vialia. Falamos de Mazinger, a tenda con maior stock de cartas Magic de Europa.

Torrecedeira, Zamora e, desde hai uns meses, Vía Norte. Ese foi o traxecto de Mazinger ata os nosos días, e nel sumáronse cada vez máis persoas interesadas nisto que moita veces englóbase baixo a etiqueta de “friqui”. Isto é, cómic, manga, figuras coleccionables, xogos de mesa e de cartas, merchandising variado… Cada vez máis xente está interesada neste tipo de pasatempos, malia que no pasado fosen considerados como algo de nicho.

Do moito que ofrece este local hai que destacar obrigatoriamente unha cousa: as cartas do xogo Magic: The Gathering. Mazinger está especializado neste xogo e, ademais de contar cun persoal moi cualificado neste eido, a tenda dispón do maior stock de cartas soltas Magic de Europa. Todas as semanas organizan eventos das diferentes modalidades deste xogo: Pauper, Standard Showdown, Pioneer, Commander… E tamén outro tipo de actividades, como sinaturas de cómics, obradoiros de debuxo e de rol e presentacións de xogos de mesa.

REVISTA ABRIL

Sobre os xogos de mesa, Carolina Figueroa, unha das dependentas, comenta que existe a opción de alugar xogos de mesa para que os usuarios os poidan probar en casa cos seus amigos. Unha opción ideal para probar diferentes propostas pagando só un 10% do total. Outra alternativa é mercalos de segunda man, unha idea impulsada hai pouco para poder renovar a oferta de xogos de mesa. A tenda, ademais de espazo de compra e xogo, tamén é un lugar de reunión para a xente que comparte gustos e paixóns.

Malia que moitas destas cousas poidas soar a chinés para quen non estea habituada a elas, Figueroa cre que moitas veces o problema é de vergoña: “Custa moito vir só”, admite. Na tenda facilitan material de iniciación para Magic e oriéntante en todos os pasos para aprender a xogar a algunha das modalidades. En canto aos xogos de mesa, a idea é nos próximos meses tratar de crear unha comunidade para esta práctica para toda esa xente que quere probalos pero non ten con quen.

Rúa da Vía Norte, 24 | 623 01 35 44 | mazvigosl@gmail.com | @mazingervigo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.