Rocío Márquez: “Estou nunha posición privilexiada na que me permito facer o que me apetece”
Unha das principais voces do flamenco moderno actuará este sábado 7 no Museo do Mar grazas ao festival Sinsal, nun concerto no que presentará Visto en El Jueves, o seu último disco. Rocío Márquez aúna vangarda e tradición na súa poderosa voz, ofrecendo un flamenco desacomplexado e fresco que non deixará a ninguén indiferente. Aínda podes mercar as entradas aquí.
Tes a sensación de que nos últimos anos estamos a asistir a unha apertura do flamenco a outros xéneros máis actuais e vangardistas?
O flamenco leva en diálogo con outras expresións musicais desde a súa mesma xénese. Hai 100 anos, por exemplo, artistas tan admirados como Manuel Vallejo ou Niña de los Peines versionaban tangos arxentinos ou boleros, mentres Vicente Escudeiro bailaba ao son dos sons dun tren influenciado polas vangardas de principios do XX. Por tanto, esta permeabilidade ao seu contexto está na esencia mesma do flamenco. Nos últimos anos, esta apertura profundouse, debido a que vivimos nunha sociedade globalizada cunha industria musical que vive transformacións intensas. Somos a primeira xeración que temos a un click de Youtube ou Spotify acceso a músicas pasadas e presentes de todos os recunchos do mundo.
Cúmprense 10 anos do directo Aquí e ahora. Que balance fas desta década? Que cambios notaches neste tempo?
Foi unha década intensa, de moito traballo e moita aprendizaxe. A miña sensación é que todo vai moi rápido. Aínda que quizais o máis significativo deste tempo é que toda a enerxía, creatividade, esforzo e tempo investidos na música colocáronme nunha posición privilexiada na que me permito facer o que me apetece.
Existe diferenza entre actuar en grandes espazos como o Primavera Sound a facelo noutros de carácter máis íntimo como o Sinsal?
Gústame moito esta versatilidade tanto nos espectáculos que ofrezo como nos espazos nos que actúo. Veño de presentar Visto en El Jueves en Sevilla nun festival indie con público escoitando en pé, sen asentos, e nunha illa de Francia onde se acedía cando baixaba a marea. Cada espazo, cada público, move partes diferentes de min e fai que dea cousas diferentes. O formato íntimo quizais sexa o que se adapte máis á miña forma de ser e por iso gózoo moitísimo.
Como é colaborar con artistas tan diferentes como Fahmi Alqhai, Christina Rosenvinge, Arcángel, Refree, Kiko Veneno ou Albert Pla?
Pois é algo moi rico. Primeiro, porque son grandes artistas do que puiden aprender moitísimo. E segundo porque ao ser tan diferentes entre si, danme unha amplitude de miras sobre o feito musical que non é fácil de adquirir doutra maneira.
Fálanos un pouco do proxecto Aquellos puentes sutiles con Jorge Drexler.
Este espectáculo é un agasallo porque Jorge é un artista referente para min. Conectounos a paixón común polas músicas de raíz. A curiosidade e as ganas de aprender. Vivimos un proceso de enriquecemento mutuo compartindo conexións entre músicas populares de América Latina e o flamenco. E partindo destes fíos, desenvolvemos un repertorio baseado no goce, gozar defendéndoo en directo para conectar co público desde aí. Os tres concertos realizados ata hoxe foron experiencias marabillosas.
É sinxelo compaxinar a túa carreira artística co teu labor docente?
Aínda que a creatividade e as ganas de compartir poidan ser inmensas, o tempo e a enerxía son limitados. Así que coido moito a miña axenda para non comprometerme a máis do que o meu corpo pode dar. Neste momento, a prioridade está en desenvolver a miña carreira artística. A parte docente déixoa para ocasións puntuais, pois quero seguir conectada con esta faceta.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024