CAMELIAS MASCOTAS

Roberto (Los hermanos Cubero): “No noso novo disco colaboramos con Amaia, Rodrigo Cuevas, Hendrik Röver ou Rocío Márquez”

Los hermanos Cubero é unha das propostas que nos achega este verán Sinsal Litoral, concretamente o sábado 25 ás 21:30 nos Astilleros Cardama. Enrique e Roberto forman un dúo do máis peculiar: jotas e músicas tradicionais da Alcarria mesturadas con bluegrass de carácter americano. As súas cancións forman un vértice de dúas culturas ben separadas e distintas, mais baixo a súa man soan de maneira orgánica e fresca. O seu último disco Quique dibuja la tristeza (2018) foi un gran éxito de crítica e público, algo estraño tratándose dun traballo integramente dedicado á morte de Olga, a muller de Enrique. Falamos con Roberto, o encargado de tocar a mandolina nesta agrupación tan especial.

Roberto e Enrique Ruíz Cubero, coñecidos artisticamente como Los hermanos Cubero

O primeiro preguntarche polo formato co que viredes a Vigo este sábado. Dúo ou cuarteto?

Será a dúo. A fase de cuarteto xa a pechamos debido a que aquel disco [Quique dibuja la tristeza] foi unha cousa moi concreta e centrada nun tema. Iremos a Vigo a dúo pero teremos unha pequena sorpresa (risos).

Como nace a paixón polo bluegrass nuns rapaces novos de Guadalaxara?

Supoño que sempre tivemos certo gusto pola música norteamericana e nalgún momento dado pois debeunos chamar a atención esa vía da música acústica máis anraizada. Quizais porque tiña moitas similitudes coa música que coñeciamos, a popular de aquí de Guadalaxara: a ronda, a rondalla…

O voso irmán Ernesto acompañábavos nos comezos ao banjo, non hai posibilidades de que volvades ao formato trío?

Non nos pechamos a nada pero en principio non porque el centrouse noutras cousas e agora a música non é a súa prioridade.

Polo que lin ti fuches quen convenceu ao teu irmán para que esas cancións que compuxera tras o falecemento da súa muller convertésense no voso último disco. Foi así?

Si. El foime ensinando cousas a medida que as escribía, pero facíao para el, a modo de terapia. A min parecéronme cancións o suficientemente boas para ficar nun caixón. Non eran dan liña que tiñamos ata entonces pero parecíame interesantes sacalas á luz. A arte consiste en plasmar sensacións, non de marcarte unha guía ou un estilo único. Finalmente convencino e o sacamos adiante.

Imaxino que foi un traballo duro de gravar e de interpretar en directo en moitas ocasións, polo compoñente emocional que ten.

Si, foi complciado, sobre todo os primeiros ensaios e días de gravación. Tiñamos que dicir “ata aquí” e cambiar de repertorio ou facer outra cousa. houbo días duros porque estaba moi reciente e a temática das cancións é moi directa. Co paso do tempo a ferida vai pechando, supoño que é parte da terapia.

Tras o confinamento subistes ás redes sociais fotos gravando un novo traballo. Como dixeches antes, o voso último disco é un oasis nas vosa discografía. Que nos podes adiantar?

O que estamos preparando tamén é bastante distinto do que fixemos ata agora. En decembro rematamos de gravar un disco que xa está listo, e despois decidimos que queriamos facer máis cousas. A idea é sacar un disco dobre co que estamos a gravar agora, e pódoche adiantar que será un álbum de colaboracións con dúas obras completamente diferenciadas. Son moi distintos e con cousas moi variadas, esotu moi contento co que estamos a facer. Volvemos ás raíces pero cun toque de vangarda.

Falando de colaboracións, compartistes escenario con Amaia nun par de ocasións, mesmo no seu documental aparece ela interpretando unha canción vosa. Como xorde esta colaboración entre uns artistas a priori tan diferentes con públicos moi distintos?

Amaia está con Universal e Primavera Labels, igual ca nós, supoño que iso influíu. Pero ela comezou subindo nas stories de Instagram unha versión dun tema noso e a raíz diso pois quedamos nun estudio e probamos cousas. Xurdiu unha espcie de maxia musical.

Vai ser unha das colaboracións do próximo disco?

Si, é unha delas. Hai colaboración moi dispares de estilos distintos, pero sempre pasando polo noso filtro. Son todo artistas que admiramos moito. Vouche dicir algún nome máis: Hendrik Röver y los Míticos GT, Rodrigo Cuevas e Rocío Márquez. O que gravamos con ela paréceme moi sentido, gústame moito.

Imaxino que tocastes en escenarios de todo tipo, desde grandes festivais como Primavera Sound ata salas máis pequenas. Algunha vez tocaras nun estaleiro?

A verdade é que non, e mira que temos tocado en sitios moi raros: enriba dun carro de gran na praza dunha vila pequena e mesmo no Palacio Testamentario de Isabel la Católica, na sala onde morreu.

Inflúevos en algo a localización do concerto?

REVISTA NOVEMBRO

A localización non tanto, o que si inflúe é a interacción e contacto co público. Esta semana fixemos o noso primeiro concerto na nova normalidade e a situación e estraña, coa xente sentada e coas máscaras. O ambiente non é tan denso coma nun concerto normal. Aínda así estivo moi ben, máis frío pero con certa interacción. Imaxino que o asteleiro será bastante impresionante e iso condiciona á audiencia.

Se non me equivoco o voso último concerto en Galicia foi na Coruña, no Festival Noroeste. Un show bastante accidentado pola choiva e os problemas técnicos. Que lembras daquel día?

Lémbrome perfectamente. Foi bastante complicado porque o escenario non estaba preparado para a choiva e estaba encharcado, co risco que iso conleva. Había goteiras, estabamos rodeados de cubos con auga… aínda así estivo moi guai, a xente ficou alí baixo a choiva todo o rato e deunos moita calor. Ao final, pese aos problemas, o recordo dese concerto é moi positivo.

25xul21:30Sinsal Litoral: Los Hermanos CuberoFESTIVAIS E FEIRAS | Entradas esgotadas21:30(GMT+02:00) Astilleros Cardama

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.