‘ReVolta’, de Juanito y Filomena
Quen nos pode asegurar que as pinturas rupestres foron feitas única e exclusivamente por homes? Porque, abofé, se só as pintasen eles, o que habería na fría e inerte pedra das cavernas serían debuxos de pirolas. ReVolta é unha reinterpretación feminista da Historia en clave de humor

Juanito y Filomena, o novo proxecto teatral das creadoras Arantxa Treus e Rocío Romero, presenta ReVolta, unha reinterpretación feminista da Historia en clave de humor. Ambas as dúas intérpretes danlle a volta ao relato oficial desde a comedia subversiva, devolvéndolle a voz a todas aquelas mulleres silenciadas polo poder patriarcal. A peza cuestiona, ao longo de diferentes momentos históricos, a sociedade machista en que fomos criados, deténdose con aquela mulleres de especial relevancia na formación e consolidación do movemento feminista.
Acompañando ás intérpretes na súa primeira viaxe como compañía están o técnico de son Álex Gayoso, que vai xerando a atmosfera sonora da peza ao vivo; as escenógrafas Carmen Casal e María Torres; Álex Sobrino como iluminador; As Dúas e Punto, encargadas da parte visual e estilística; e Irene Moreira, directora da montaxe.
Se queremos que non nos conten o mesmo conto de hai un millón de anos, podémonos achegar ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo para observar o pasado, o presente e o futuro da humanidade desde unha perspectiva nova; a ollada libre de mulleres valentes.
Data e hora: venres 10 e sábado 11, ás 20:00 h
Lugar: Auditorio Municipal
Entradas:10,00 €
Ernesto Is
Últimos posts de Ernesto Is (ver todos)
- ‘ReVolta’, de Juanito y Filomena - 7 Marzo, 2023
- ‘Mosca’, de Ártika Cía - 7 Febreiro, 2023
- ‘Narracións Imprevistas. Literatura Repentina’, con Jorge de Arcos e Santi Prego na Sala Ártika - 1 Decembro, 2022
- ‘Backstage’, de NegroLópez - 10 Outubro, 2022
- ‘Volátil’, Constance Hurlé e Paulo Maestro na Sala Kominsky - 22 Xullo, 2022