Revista de verán: Os festivais sacan a máscara
Este verán será diferente, pero non por iso peor. En A Movida estamos empeñados en que lle saquedes o maior proveito e por iso na revista de xullo e agosto traemos un montón de plans para gozar da época estival de forma segura! Facemos un repaso polos principais festivais que se van celebrar este ano, animándovos a participar deles de forma responsable. É o mínimo que podemos facer para agradecer aos organizadores que pese a situación continúen a ofrecernos música en directo. Así que orellas ben abertas… e nariz e boca cubertos!
Seguramente ante a incertidume, moitos non programastes grandes viaxes para este verán. Pero que non cunda o pánico, neste número recollemos unha chea de opcións que podedes organizar a última hora sen necesidade de grandes desprazamentos. No ‘Six-pack’ ao sol, Pablo Vázquez recolle as nosas seis opcións favoritas que inclúen rutas en bici, a cabalo e mesmo celebracións a bordo. Subimos a un Volvo XC60, cortesía de AUTESA e propoñémosvos unha escapada de fin de semana, na que gozar de praia e montaña. E para os máis inquietos Paula Cermeño propón tres deportes para practicar no mar: Buceo, paddle surf e pesca.
Aínda que coa chegada do bo tempo todos queremos escapar da cidade, non debemos deixar pasar o verán sen visitar a exposición de Javier Teniente Xeografías atormentadas, na Casa das Artes ata o 5 de setembro. O fotógrafo é o noso vigués do mes, coa súa cámara retratou algúns dos conflitos máis significativos dos últimos vinte anos. Esta mostra está comisariada polo tamén fotógrafo Jorge Lens, que este mes asina a sección ‘Historia dunha cidade’. Lens pon a súa mirada sobre os rótulos comercias históricos e a necesidade de preservalos como singularidade gráfica da nosa urbe.
Que sería un verán sen xeados? Mellor non imaxinalo! Visitamos dúas xeaderías que cada ano traballan con esmero para ofrecernos o mellor produto, innovando en sabores! O dramaturgo Ernesto Is pasouse por O Serán para escachar a rir co vermú milimitreiro de 8mm. Estela Gómez fálanos do complemento por excelencia nos días solleiros: lentes de sol deseñadas pola viguesa Alba Antepazo. E Eduardo Rolland explícanos como as matemáticas son de gran axuda para tomar calquer tipo de decisión. Por suposto, tamén traemos un montón de plans para facer en familia en A Movidiña.
Se non queredes agardar a botarlle unha ollada xa podedes descargar a revista interactiva nesta ligazón. Se preferides o formato físico, podedes pasar a recollela nos nosos puntos de distribución habituais (é gratuíta). E se vos gusta tanto que preferides recibila cada mes na casa, e ao tempo axudarnos a que o proxecto medre, podedes subscribirvos. Máis info e instrucións premendo nesta ligazón.