CAMELIAS MASCOTAS

Redescubrindo o Vigo Vello con Pedro Feijoo

A sala do Instituto Camões quedábase pequena para acoller a toda a xente que onte se achegou á presentación do último libro de Pedro Feijoo ‘Camiñar o Vigo Vello’. O escritor pasa da novela ao ensaio para falar sen ataduras dun dos seus temas predilectos, a historia e a memoria da súa cidade. Trala presentación, guiou a tódolos presentes nunha ruta polas rúas do Vigo Vello.

REVISTA NOVEMBRO

Pedro Feijoo non agochaba o seu abraio ante a cantidade de xente que onte se achegou ao Instituto Camões para acudir á presentación do seu novo libro ‘Camiñar o Vigo Vello’. Con este libro o escritor vigués quere convidar a tódolos vigueses a pasear pola cidade vella de vagar, reparando nos secretos e historias que se agochan detrás de cada edificio, detrás de cada pedra. Como non podía ser doutra maneira, a presentación converteuse nunha ruta polas rúas do Vigo Vello con Feijoo á cabeza.

A primeira parada foi xusto diante dos edificios que acollen o actual Instituto Camões: a casa Pazos y Figueroa e a Torre Ceta. Tal e como Feijoo sinalou, non foi casual que escolleran aqueles edificios para a presentación do libro, pois se trata das casas máis antigas da cidade, datadas do ano 1490. Tamén quixo chamar a atención sobre o reloxo de sol que se atopa enriba da porta de entrada do Camões, un elemento que pasa desapercibido para a maioría das miradas. Dende este punto Feijoo levou a comitiva ata o Alto da Esperanza, diante da casa do francés, e contou aos presentes unhas desas historias case esquecidas da cidade. A continuación descendeu a rúa Real e fixo unha primeira parada diante dos números 29, 31 e 33, sede hoxe en día do Rexistro da Propiedade. O escritor gabou a labor de recuperación que se fixo con aqueles edificios. Especialmente co número 29, un espectacular exemplo de arquitectura modernista da cidade. O número 33 destaca non só polo seu valor arquitectónico, exemplo do Barroco, senón tamén pola súa importancia histórica, xa que foi a sede da provincia de Vigo, no período en que Vigo ostentou esta posición. Feijoo quixo facer especial fincapé sobre os torreóns que coroan o edificios, pois tal como explicou, durante a reforma un estivo a piques de desaparecer e foi a mobilización cidadá a que conseguiu a súa reconstrución. Tamén quixo parar diante do número 21 da rúa Real, onde hoxe se erixe o mítico local de copas Tipo X. Feijoo explicou que foi neste edificio onde se imprimiu Cantares Gallegos e non no número 12, onde aínda a día de hoxe hai unha placa que conmemora dita publicación. Ademais, foi nesta mesma casa onde Rosalía viviu un período de tempo.

A seguinte parada foi na praza da Colexiata, aquí aproveitou para falar da Oliveira que aparece no escudo de Vigo, que contra o rumor estendido non é a que está no Paseo de Alfonso, senón que era unha que se atopaba nesta praza. Explicou que a cápsula do tempo que aparece na súa novela ‘Os fillos do lume’ non é unha invención, senón que está aí mesmo. O traxecto finalizou na praza da Constitución, na que o escritor falou sobre os soles e lúas que esconde e fixo un chamamento sobre a importancia de conservar a nosa memoria se queremos preservar a nosa identidade.