Percorremos as luces e sombras da cidade da man de Vigo Turístico
O pasado xoves acompañamos a Borja Concheiro, guía de Vigo Turístico, nun dos seus tours polo centro da cidade. Este roteiro, titulado Luces e sombras de Vigo, ten a particularidade de estar pensado para os propios vigueses e viguesas que queiran coñecer máis a fondo a historia da súa cidade.
A Praza da Princesa foi o punto de saída de Luces e sombras, un dos numerosos tours que Vigo Turístico, da man de Borja Concheiro e outros guías profesionais, ofrece todas as semanas na nosa nosa cidade. O antigo Concello de Vigo, agora Casa Galega da Cultura e sede da Fundación Penzol, é para Borja unha das sombras da cidade, non polo edificio en si, senón pola inevitable comparación co actual: “Cando os turistas me preguntan onde está o Concello eu sempre lles digo que por favor non vaian”, conta o guía con humor. Tamén se lamenta de que os fondos documentais da Fundación Penzol, un dos máis importantes de Galicia, sexan á vez tan descoñecidos para a cidadanía.
Este roteiro ten como obxectivo dar a coñecer aos propios cidadáns de Vigo algúns momentos históricos curiosos e importantes da cidade, tanto positivos como negativos. Algúns deles, como a nosa seguinte parada, están directamente relacionados coa luz, como ben indica o título do tour. No medio da Praza da Constitución atopamos un farol cunha placa que celebra o centenario da chegada da luz eléctrica as rúas de Vigo en 1896. Curiosamente a contorna de Vigo xa tivera dúas experiencias previas coa luz eléctrica nas décadas anteriores: en 1880, cando o alcalde Antonio López de Neira, desde o balcón da súa casa (situado na rúa que hoxe leva o seu nome), acendeu un potente foco no momento no que pasaba por debaixo unha procesión do Cristo da Victoria nocturna só alumeada por cirios e antorchas; e unha década antes, en 1870, cando as lámpadas alemás Ruhmkorf alumearon o fondo da ría de Vigo na busca dos galeóns de Rande. Esta foi a primeira vez que se alumeou o fondo mariño en todo o mundo.
No apartado das sombras Borja Concheiro destacou os mercados vigueses. O Progreso, a Pedra ou A Laxe (onde agora se sitúa o incomprensible Hotel Bahía) sufriron demolicións ou modificacións que os deixaron irrecoñecibles ou inexistentes, ficando Vigo sen mercados históricos. Practicamente o único que conserva un pouco de personalidade é o do Calvario, inaugurado na décadas dos 20 do século pasado. Outro tipo de comercio que tampouco conserva Vigo, e si Santiago ou Porto, son os cafés tradicionais, como o Gran Café Colón (non confundir co Café Colón, sito máis abaixo), situado na Rúa Velázquez Moreno onde hoxe está a Casa del Libro. A Laxe e o Colón, ambos edificios fermosos, pasaron a mellor vida e foron substituídos por adefesios de formigón debido a decisións incomprensibles, moitas delas tomadas nos anos 60 e 70 do século XX, que converten Vigo nunha montaña rusa de beleza e horror que non hai luz que poida camuflar.
Outra das paradas foi diante do Museo Marco (“que algúns turistas confunden coa casa consistorial”, comenta Concheiro). Segundo el, este fermoso edificio de arquitectura carceraria tamén podería formar parte das “sombras”, non pola súa estética senón pola súa función. Cando se inaugurou, o Marco gozaba dun gran prestixio a nivel estatal, que foi perdendo cos anos debido ao desleixo gubernamental. Nos últimos tempos moitas das mostras que recibiu son as que el chama de “peixe conxelado”, é dicir, que van rotando de museo en museo sen ningún tipo de vinculación especial co territorio. A Farola de Urzaiz, tamén coñecida como A dama de ferro, foi outra das paradas obrigadas neste percorrido lumínico de Vigo.
A poucas decenas de metros de alí atopamos outra das grandes sombras da cidade: o cine Fraga, hoxe en día convertido na práctica nun aparcamento de motos. O seu promotor, o pioneiro cinematográfico (e filofascista) Isaac Fraga, foi un dos responsables da chegada do cinema a Galicia na primeira década do século XX. Da súa man o Cine Tamberlick (tamén desaparecido) proxectou en 1930 The Singing Fool, o primeiro filme sonoro da historia galega.
Outra ausencia que aínda doe é a do Edificio Rubira, situado no cruce entre Colón e Policarpo Sanz. O Banco de Bilbao adquiriuno a mediados dos anos 60 do século XX e decidiron demolelo (en realidade desmontalo pedra a pedra coa idea de reconstruílo en Redondela, cousa que non sucedeu) para levantar no mesmo lugar un edifico con cinco plantas máis que aínda perdura.
Na recta final do traxecto, por unha Rúa Policarpo Sanz repleta de adornos natalicios e ateigada de xente, Concheiro lémbranos a que posiblemente foi a peor Cabalgata de Reis da historia. En 1987, con Manuel Soto como alcalde, decidiuse que os Reis Magos chegaran a Vigo en globo aerostático. A climatoloxía non acompañaba, pero optaron por seguir adiante co plan. O desenlace é coñecido: as súas maxestades (Manuel Manquiña, Xosé Lois e Antonio Durán ‘Morris’ facendo un blackface) acabaron na ría de Vigo ante os atónitos espectadores, especialmente os nenos.
O Teatro García Barbón (antes Rosalía de Castro), cuxo traumático incendio “nos trouxo” o fermoso edificio de Antonio Palacios que coñecemos hoxe, foi a derradeira parada deste interesante tour. Non sen antes recordar o malogrado tranvía, que non só vertebraba Vigo senón tamén a súa área metropoliatana. A mellora das comunicacións, máis agora que nunca coa batalla entre Vitrasa e Concello, é unha das asiganturas pendentes nunha cidade con exceso de coches e falta de transporte público.
O percorrido de Luces e sombras, malia transcorrer pola zona máis concorrida da cidade por mor do alumeado de Nadal, fixo que os asistentes viaxaran a outras épocas para coñecer a fondo á que Murguía chamou, erroneamente, unha cidade sen historia.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024