Rebeliom do Inframundo: “A música ten poder, por iso pasan cousas como a de Valtonyc”
O medo non os vai facer calar. O grupo de hip hop galego, e en galego, Rebeliom do Infamundo tocará mañá na Sala Master Club e o fará coma sempre: con altas doses de crítica social. Iso si, con ganas de pásalo ben e co fin último de que prevaleza o amor. Falamos con Nervo, un dos compoñentes da agrupación.
Sodes un dos poucos grupos que fan hip-hop en galego.
Se non se fala galego, non se fai música en galego. Nos cantamos en galego porque somos galegofalantes. Maís, tamén sentimos que temos un compromiso coa lingua. Acabo de ler una noticia de que só o 3% dos nenos de Vigo falan galego, se continuamos así acabaremos por perder a nosa identidade.
“Se nos fan crer que o amor non existe estamos afundidos”
As vosas letras son moi críticas co sistema.
Sería marabilloso poder cantar solo sobre cousas fermosas, porque significaría que todos e todas estamos nunha situación súper boa. Máis non é así. Facemos crítica social porque cremos que hai moitísimas cousas que mellorar. Dentro das letras tamén hai moita autocrítica, porque aquí ninguén ten a razón absoluta nin ninguén é perfecto. Con todo, nos nosos temas tamén queremos transmitir que non se perda o amor. Se nos fan crer que o amor non existe, entón si que xa estamos afundidos totalmente.
A autocrítica é necesaaria porque ao final a sociedade está formada por cada un de nós.
Efectivamente. Estamos mazo intoxicados e intoxicadas porque nacimos e nos criamos nesta roda da que é moi difícil saír. Todos pensamos que seriamos máis felices índonos para o monte, vivindo tranquilos, comendo cousas sanas… pero nos joderon vivos. Nos crearon dependencias as cales non son reais, pero que as temos. Somos uns yonkies do consumismo.
“Somos uns yonkies do consumismo”
Cres que a través da música se poden mudar as cousas?
Si, rotundamente. Calquera canle de transmisión pode cambiar as cousas, eu creo no boca a boca. O boca a boca move moito e de feito estamos vendo o que pasa cando a música que se fai non interesa.
Como vivides o que está ocorrendo con Valtonyc ou con La Insurgencia aquí en Vigo?
Estamos flipando e, á vez, non tanto porque ao final todos e todas sabemos como se rixe este sistema. Si que é moi sorprendente, roza a loucura que volva pasar isto. Fai 30 anos que Suso Vaamonde tivo que marchar a Portugal e seguimos igual.
Non vos dá certo medo vervos nesa situación?
Non podemos vivir con medo porque soamente estamos expresando un sentimento, non estamos facendo nada malo. Xogan con iso, con meter medo. Pero non só á xente que fai cancións, tamén á xente que escribe libros, que pinta cadros, que dá una charla sobre ‘x’ cousa ou un mestre que fale na clase sobre ‘x’ cousas. Queren inculcar o medo, pero non van poder calar nin meter présas a millóns de persoas.
“Ogallá nunca tivera que escribir Prenderon lume aos montes'”
Moitas das vosas letras están ligadas á actualidade. Por exemplo tras os lumes de outubro escribíchedes ‘Prenderon lume aos montes’.
Ogallá nunca se tivera que ter feito esa canción. Fun a apagar lumes e a impotencia vivida foi moi forte. Precisei escribir esa canción, soltar o que sentía. Ogallá non se volva a facer unha canción así.
“A comezos de 2019 sacaremos novo disco”
O sábado tocades na MasterClub.
Si, polo aniversario de Galunk Produccións que cumplen un ano. Faremos un concerto xunto con Grima para pásalo pipa e festexar. Nós imos aproveitar para proxectar o novo videoclip que publicaremos nas redes o vindeiro martes e que se proxectará en exclusiva na Master xusto antes do concerto.
Estades traballando en algo novo?
Despois da xira de Lume e rebelión que foi super grande precisamos descansar un pouco. Pero agora xa temos 8- 9 temas novos e imos seguir gravando. A nosa idea é que a finais de 2018 comezos de 2019 saquemos un disco novo.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024