VIALIA
bannerPicnicSesions

Quique González: “Foi un cúmulo de casualidades o que levou á publicación de ‘Salitre48′”

Un dos referentes do folk rock estatal, Quique González, estará este sábado no Atlantic Fest en Vilagarcía de Arousa. As súas cancións, sempre cálidas e próximas, levan décadas acompañándonos e percorrendo a xeografía española. Ao outro lado da liña telefónica respóndenos con voz sosegada, un adxectivo tamén aplicable ao seu último disco, Sur en el valle (2021).

Imaxe promocional do último disco | Cedida

O pasado domingo a cantante local Carla Lourdes tocaba no seu concerto de Vialia ‘Aunque tú no lo sepas’, canción que Quique González compuxo para Enrique Urquijo en 1998 baseada no poema homónimo de Luis García Montero. Semanas atrás, presenciei un músico na rúa do Príncipe interpretando a guitarra e voz ‘Charo’, tema pertencente ao disco Me mata si me necesitas (2016) do cantautor madrileño: “É moi bonito que suceda iso. Unha vez publicas unha canción deixa de ser túa para ser da xente, e nunca tes claro cara onde vai voar. Para min é un premio da vida, estou honrado“, comenta emocionado González.

Hai pouco máis de 20 anos Quique González publicaba Salitre48, un disco de aroma mediterráneo pero con título de rúa do barrio madrileño de Lavapiés. Durante anos, Carlos Raya e o propio Quique gravaron na casa do primeiro numerosas maquetas que pouco despois formarían este elepé histórico: “Foi un cúmulo de sucesos e casualidades o que levou a esas maquetas a converterse nun disco. Ás veces hai algo no inmediato que transforma un bosquexo na obra definitiva. A compañía que me volveu contratar [NdR: Universal fichouno para o lanzamento do primeiro disco e despois prescindiu del] non tiña orzamento para gravar un disco nun estudio e a única oportunidade para sacar o disco era editar as maquetas. Carlos Raya fixo un traballo incrible ao longo dos tres anos que estivemos traballando nel”, explica. O resto, como adoita dicirse, é historia.

Raya, fiel escudeiro de Quique ao longo de gran parte da súa carreira, forma parte desde hai anos da banda de Fito y los Fitipaldis. Preguntámoslle a González que sentiu ao ver ao seu amigo tocando diante de 60.000 persoas no estadio de San Mamés hai unhas semanas: “Carlos foi un irmán e un mestre para min e para a música deste país. Grazas a el os discos de moita xente soaron moito mellor. Para min é o referente na produción de discos de rock en España, e sigo a aprender del aínda que hai xa anos que non gravemos xuntos”, apostila. Esa mesma xornada abriu o concerto Morgan, banda capitaneada por Nina de Juan, quen gañou notoriedade tras colaborar con Quique na canción ‘Charo’. O madrileño, humilde, evita levar o mérito da súa descuberta: “Eu só son un vínculo con Nina e Morgan, o seu éxito perténcelles exclusivamente a eles. Tiven a sorte de xirar con Nina e Chuches (David Schulthess, teclista de Morgan) na xira con Los Detectives e fixeron que fose unha das mellores xiras da miña vida. En calquera caso, a responsabilidade é compartida, non creo que eu lles axudase máis a eles do que eles me axudaron a min”, apunta.

Na actualidade Los Detectives xa forman parte do pasado, pero Quique continúa a rodearse de grandes músicos. A xira que o trae este sábado ao Atlantic Fest é a de presentación de Sur en el valle, un disco máis acústico e folk que Me mata si me necesitas. Un estilo que vai maridar de luxo á hora do vermú, o momento no que González e os seus sairán ao Escenario Xacobeo 21-22: “Gústame tocar en todo tipo de escenarios e horarios, agás de madrugada. Non é habitual, vai ser algo distinto. Despois temos tempo para tomar un vermú, comer con calma e ver a outros compañeiros tocar. Vai estar moi ben”, resume.

REVISTA ABRIL

O mes pasado saía ao mercado Quique González: conversaciones, un libro de Arancha Moreno publicado por Efe Eme. Este non é, para nada, o primeiro documento editorial sobre a vida e obra do músico. Quique González: Una historia que se escribe en los portales de Eduardo Izquierdo, Salitre 48. Quique González en el disparadero de Chema Domenéch e Quique González: Una interpretación de los hechos de Juanjo Ordás son os textos que constitúen unha ampla bibliografía sobre un autor aínda novo: “Que vou dicir. Agradezo o interese, o agarimo e a dedicación de todos os autores por escribir sobre as miñas cancións. Non sei se merezo tanto, honestamente“, di con timidez.

En ocasión, os artistas teñen unha relación de amor-odio coas súas cancións máis famosas. O público demándaas en directo, e non tocalas pode sentirse case como un insulto para algunhas persoas. Por outra banda, non é estraño aburrirse dunha canción cando levas tocándoa anos e anos. ‘Vidas cruzadas’ ou ‘Salitre’ poderían sinalarse como os temas estrela de Quique González, quen adoita pechar os concertos interpretando ambas: “Segue a gustarme moito tocalas, e cando o fago é un momento de celebración durante o concerto. É un momento de reunión, de pertenza. É certo que nalgúns momentos deixei de tocar algunhas cancións porque estaba un pouco canso, pero despois volven aparecer. O malo sería non ter ningunha desas que sobresaen para o público”, admite.

É sabida a admiración que González lle profesa a Bob Dylan. En 2013 chegou a declarar que “non podería vivir sen o disco Oh Mercy” do músico de Duluth. Malia que a súa discografía está salpicada por versións doutros artistas (‘Algo me aleja de ti’ de Jose Ignacio Lapido ou ‘La vida te lleva por caminos raros’ de Diego Vasallo), González atreveuse só nunha ocasión a adaptar ao castelán un tema en inglés: ‘Is Your Love in Vain?’ de Dylan. A cover do tema de 1978 figura, baixo o nome de ‘¿Es tu amor en vano?’, no álbum Delantera mítica (2013). Quique lémbrao así: “É unha das miñas cancións favoritas da historia, cunha letra espectacular, e propuxenme traducila. Existía unha traducción que eu non vía moi fina e comecei a xogar con ela. Piqueime e estiven un par de meses afinándoa”. O videoclip é unha curiosa peza de stop motion con plastilina repleta de cameos (Sabina, Calamaro, Bunbury, Ferreiro, Leiva…) que homenaxea o vídeo de ‘Subterranean Homesick Blues’.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.