Que locais de Vigo están adheridos ao Bono Cultura?
Este mércores 2 abre o prazo para solicitar o Bono Cultura que a Xunta pon a disposición de todas as persoas maiores de idade que residan en Galicia. Unha vez descargado da web poderás usalo tantas veces como desexes nos establecementos identificados, ata o 31 de decembro ou ata consumir a contía dispoñible (50 €).
ACTUALIZACIÓN 02/11: Os bonos esgotáronse en menos de dúas horas.
O Bono Cultura da Xunta repite este ano despois do éxito colleitado no último trimestre de 2021. O funcionamento é o seguinte: unha vez descargado o bono da páxina web ao teu móbil, eses 50€ servirán para financiar a metade do prezo de cada un dos produtos culturais que merques nos establecementos identificados. Isto é, se merco un libro por 20€, 10€ saen do meu peto e os outro 10€ do Bono Cultura. Na propia páxina vén claramente explicado todo o proceso, desde a descarga da app Wallet ata o momento do pagamento da compra mediante un código QR.
Que produtos inclúe esta axuda? Cedés, vinilos, libros, películas e series en formato físico, videoxogos entradas de cine, concertos, espectáculos e museos. En Vigo podemos empregar o noso bono en 53 establecementos diferentes entre os que atopamos librarías, galerías de arte, tendas de música e mesmo espazos de espectáculos. Premendo aquí podes consultar todos os establecementos vigueses adheridos a esta campaña. Entre eles, atopamos vellos coñecidos de A Movida como a libraría Librouro, libros para soñar, o luthier Marcos Domato, o espazo teatral Sala Ártika, a Orquesta Clásica de Vigo ou o Centro Comerial Vialia.