CAMELIAS MASCOTAS

Pulmóns con aire mareiro

As mans que moldean a arxila e dan vida a este proxecto son as de Tamara Abalde (Vigo, 1990). Fascinada desde sempre pola creación e as artes escénicas, decidiu estudar Belas Artes para deixar que as ideas andasen á solta. Tempo despois, trasladouse a Barcelona, cidade que a inspirou e na que se moveu entre a danza e a videoarte.

            Curiosamente, a cerámica non era a súa primeira opción, pero todo cambiou ao coñecer á ceramista Emilia Guimeráns. Axiña quedou namorada do abano de posibilidades que lle ofrecían os materiais e as formas e aos poucos meses inscribiuse na Escola de Artes e Oficios de Vigo (EMAO). A partir de aí todo decorreu con fluidez, como acontece tantas veces cando alguén atopa a verdadeira vocación. Despois da EMAO tivo a sorte de poder traballar durante un ano en Ojea Studio (Premio Nacional de Artesanía como Produto, 2019), unha etapa que lle deu o pulo e as forzas para montar o seu taller particular e crear a súa liña de traballo baixo o selo de Hollymara, cerámica contemporánea bautizada cun nome propio nacido da fusión de Hollywood e Tamara.

REVISTA NOVEMBRO

No imaxinario particular de Hollymara atopamos formas orgánicas e equilibradas que nos achegan ao mar decorando as nosas mesas. Unha das pezas estrela deste obradoiro de artesanía son os pulmóns, perfeccionados grazas a moitas prácticas de proba e erro, co fin de abordar a temática da contaminación mariña e a desaparición das barreiras de corais. Un claro chamamento á concienciación da sociedade ante a necesidade de coidar os nosos océanos, pulmóns xigantes e fonte vida. Tamén atoparemos unha liña utilitaria na que cuncas, pratos e vasos son os protagonistas. As liñas dunha delicada vaixela de porcelana, na que cada peza é única,  fan que poidamos gozar de cada sorbo en pequenos momentos do día a día.

Para adquirir calquera destas creacións artísticas, animámosvos a visitar a súa páxina web: hollymara.com. E quen se atreve a crear as súas propias pezas partindo desde cero? Isto tamén é posible con Hollymara, pois organiza obradoiros presenciais. Enche os pulmóns e avante!

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de novembro de 2020. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)