CAMELIAS MASCOTAS

Pris Homes, fogares vacacionais

No corazón da cidade, moi preto da simbólica oliveira, vive e traballa Priscila Regueiro Landeira. En poucos meses será a inauguración da oficina en que agora nos recibe. Trátase dun baixo remodelado con moita luz onde quere centralizar o seu traballo, pero tamén acoller un espazo para celebrar eventos.

É un exemplo do crecemento que tivo o seu negocio desde que en 2017 se lanzase a asumir en solitario a xestión dunha empresa de alugueiro de vivendas turísticas. «Levaba 11 anos traballado para Trivago en Alemaña; empezaba a ter moito estrés laboral e sacrificaba moito o tempo compartido coa miña filla».

Volveu a Vigo e púxose a investir en inmobles en ruínas para reformalos e despois poñelos en alugueiro como vivendas vacacionais. «En Trivago conectei coa filosofía que inicialmente tiña Airbnb: ofrecer máis que unha vivenda de uso vacacional, senón a esencia dun fogar con alma». O risco económico e a soidade durante os primeiros anos como empresaria foron as principais dificultades: «Ao emprender xa non tes un líder de equipo ao que lle teñas que render contas; teste que automotivar». No contrapeso, a liberdade e o tempo para poder conciliar fan que a balanza se decante, no seu caso, cara ao emprendemento.

O cariño e o bo gusto na decoración fixeron que nos últimos anos subise un chanzo máis e ampliase o negocio a inmobles doutros propietarios. O propósito está claro: «Traballar as vivendas con moito detalle, con personalidade e amor, de modo que sexan competitivas». Admite que no mundo empresarial seguen a predominar os homes e destaca iniciativas como «Ladies, Wine & Design», os encontros gratuítos de mulleres creativas que en Vigo organiza Uxía Meijueiro.

REVISTA NOVEMBRO

Sobre un futuro a longo prazo, o seu desexo é deixar a xestión e pasar a inspirar outros anfitrións. Convencida de que as vivendas de uso turístico teñen un futuro consolidado, ve xusto que se regulen, pois non cre no crecemento desmedido. Alén de todo isto, confésanos a intención de ser escritora.

prishomes.com |  hola@prishomes.es | 634 52 33 99 | @pris_homes

Érika Martínez
Redactora