Poxa solidaria e Peter Punk Pallaso polo Sáhara Occidental este domingo en Vialia
SOGAPS, Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, organiza este domingo en Vialia unha festa solidaria co Sáhara Occidental na que se poxarán seis colchas creativas realizas por escolares vigueses. O evento tamén contará coa actuación de Peter Punk Pallaso, chocolatada e sorteos.
O pasado mes de setembro rexistráronse nos campamentos de refuxiados do Sáhara Occidental, emprazados en Arxelia, unhas fortes e inusuais chuvias, que provocaron grandes inundacións e deixaron a 300 familias desprazadas. Ante esta situación de emerxencia, a Asociación SOGAPS, Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, organiza unha gran festa o domingo 15 de decembro en Vigo Exporta, na planta baixa do Centro Comercial Vialia Estación Vigo para sensibilizar sobre a situación do pobo saharaui e recadar cartos que axuden a reconstruír as zonas afectadas.
Sukram, gracias en Hanassía, é o nome desta festa gratuíta que vai arrancar ás 17:30 h coa actuación de Peter Punk Pallaso e o seu espectáculo ‘Chungo que te cagas’. A parte central do evento, vai consistir nunha poxa solidaria feita en colaboración con seis colexios públicos de Vigo. Ao longo do mes de novembro escolares do CEIP Balaídos, CEIP Emilia Pardo Bazán, CEIP Mestres Goldar, CEIP Ramón y Cajal, CEE Saladino Cortizo e EEI Monte da Guía elaboraron con grandes doses de creatividade unhas colchas solidarias que van a presentar no evento do domingo. A partir de aí, comezará unha poxa na que todo o público está invitado a participar co fin de enviar o máximo diñeiro posible aos campamentos de Tinduf. Para completar os festexos tamén haberá chocolatada e sorteos.
Vacacións en Paz, o programa a través do cal cada ano nenos dos campamentos de refuxiados do Sáhara Occidental veñen a pasar o verán a Galicia é, sen dúbida, a acción máis coñecida desenvolvida por SOGAPS. Desde a asociación remarcan que “estes nenos e nenas son os mellores embaixadores da causa saharaui”. O pobo do Sáhara Occidental leva máis de corenta anos esperando a que se celebre un referendo de autodeterminación, prometido pola ONU en 1991.