Porto Café, café de especialidade e almorzos artesanais
Desde a súa chegada en 2019 á zona da Praza de América, Porto Café é o lugar de referencia para quen busca un café de especialidade acompañado de torradas, bagels ou tortitas. É un deses locais esenciais en cada barrio e nel non só se serven algúns dos mellores almorzos de Vigo, senón que comprace por igual a quen procura un bocado doce ou salgado e a quen quere unha caña ou un té matcha. A súa ampla terraza nunha rúa tranquila a un paso da Praza de América convérteo no lugar ideal para facer unha pausa a soas ou xuntar unha boa recua de amizades. A calidade do produto é superior á media, pero o ambiente é de cafetería tradicional, con prezos axustados e atención próxima.

O éxito desta cafetería radica na categoría do seu café. Traballan con cafés de especialidade, un produto de alta calidade con mellor sabor e aroma que os habituais. Destes cafés coñecemos a orixe dos grans, habitualmente ecolóxicos, así como a técnica e o lugar en que foron torrados. Na actualidade en Porto Café contan con variedades de Candelas torradas en Galicia e recentemente incorporaron a marca Main Lane, que cada dous meses ofrece café dunha orixe diferente. Neste momento sérvese café do Salvador torrado en Valencia. Ambas as variedades poden desfrutarse no local ou comprar un paquete para preparar na casa.
A excelencia na bebida esténdese á súa carta de almorzos, na que as torradas son as grandes protagonistas. Elaboradas con pan artesán de masa nai cocido en forno de leña, presentan unha ducia de combinacións tanto doces como salgadas. Salmón, xamón, aguacate, beicon ou ovos revoltos son algúns dos ingredientes que podemos elixir. A Torrada Porto é unha das máis demandadas polos habituais, con tomatiños ao forno aderezados, pesto vermello e burrata fresca. Outra das opcións máis solicitadas é o English muffin, un boliño recheo de requeixo, xamón ibérico e aguacate e coroado cun ovo fritido. Os emparedados en pan brioche levantan un palmo do prato e atopámolos na súa versión americana (con ovo, touciño e cheddar) ou italiana (con ovos, mortadela e queixo scamorza).Nas próximas semanas incorporarán unha nova torrada de pesto vermello, tomatiños confeitados, paleta ibérica e mozzarella fresca, cun sabor potente e sorprendente malia a aparente cotiandade dos ingredientes.




Na cara doce da carta atopamos a torrada de Nutella, con crema de chocolate e abelás, froita fresca e coco relado, así como os brioches recheos, os gofres e as tortitas. Para quen se atreva a experimentar, tamén contamos con opcións co mellor dos dous mundos, como o croissantrecheo de pavo e aguacate e as tortitas con ovo, touciño e aguacate.



Outra das recentes incorporacións á carta é o azaí, un froito orixinario da selva brasileira que está a gañar popularidade grazas ao seu distintivo sabor, frescura e propiedades antioxidantes. Aquí sérvese ao estilo tradicional, batido con azucre como se fose un xeado e coroado con amorodos, crema de cacahuetes e unha granola artesá portuguesa que tamén teñen á venda en bolsas. Ademais, están a experimentar coa coctelería con kombucha, unha bebida a base de té fermentado que mesturan con zume de froitas acabado de facer, o que dá como resultado un refresco lixeiro, nutritivo e diferente.
Rúa do Doutor González Sierra, 4 | @portocafevigo | 986 04 26 96
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Porto Café, café de especialidade e almorzos artesanais - 10 Abril, 2025
- Froitas Xeitosiña, tradición e frescura - 10 Abril, 2025
- Sete espazos á medida para celebracións memorables - 9 Abril, 2025
- 4 Elementos, lume elemental en Tui - 9 Abril, 2025
- The Wild Cinema convida a participar con filmes sobre natureza e sustentabilidade - 7 Abril, 2025