PortAmérica estrea o documental ‘Esa maldita felicidad’
A produtora local Esmerarte lanzou onte o documental Esa maldita felicidad, unha peza dunha hora de duración na que resume a esencia e a historia do festival PortAmérica a través de material de archivo e entrevistas con cociñeiros, músicos e membros do equipo.
A falta de festival, damos por bo este documental sobre o PortAmérica, un dos principais eventos musicais e gastronómicos do país. De feito, esa é a súa principal característica, como ben incide a peza audiovisual: a mestura entre música iberoamericana e alta cociña.
Pola pantalla vanse sucedendo continuamente artistas da música e dos fogóns. Dos primeiros atopamos a Iván Ferreiro, Xoel López, Vetusta Morla, Carlos Sadness, Eduardo Cabra (Calle 13), El Mató a un policía motorizado, Miss Bolivia e Cumbia All Stars. En canto aos segundos, o elenco é aínda maior: Pepe Solla (Galicia), Begoña Rodrigo (Valencia), Maca de Castro (Mallorca), Yolanda León (León), Aduriz (País Vasco), Diego Guerrero (Madrid), Christian Bravo (Perú), Javier Olleros (Galicia), Kiko Martins (Portugal), Paco Morales (Andalucía), Roberto Ruíz (México-Madrid) e Edgar Núñez (México).
Esta road movie pola península, illas e Latinoamérica remata en Nigrán ao principio e, nos últimos anos, na Carballeira de Caldas de Reis, onde ten lugar desde 2017 o festival. De feito, un dos grandes protagonistas da peza dirixida por Alberto Baamonde é Kin Martínez, o impulsor de festivais como Vigo Transforma, Cultura Quente ou o propio PortAmérica. Actualmente, ademais de estar aos mandos de Esmerarte, é o director de Es Música, a Federación da Música en España.