ASNEVES
REVISTA MAIO

Por que non hai ningunha banda local en Castrelos?

A programación dos concertos de Castrelos deste ano é unha das máis potentes e variadas que se recordan dos últimos anos, pero moitas persoas botan en falta presenza local sobre o escenario, xa sexa como artista principal ou como teloneiro. Falamos con varios músicos da cidade sobre o tema.

Público en Castrelos na actuación de Maná | Pablo Vázquez

Os sold out de Maná, Raphael, OT e Serrat (aínda que ao final non poidese actuar) demostran que gran parte do público vigués está encantado coa programación deste ano de Vigo en Festas para Castrelos. Un total de 10 concertos, máis diferentes espectáculos infantís, conforman o variado cartel do auditorio, que toca xéneros como o rock, o soul, o indie, o pop ou o folk.

Óscar Avendaño, músico local e membro de Siniestro Total, conta que “cando fun a Austin (Texas), o que máis me sorprendeu foi que o reclamo da cidade para atraer turistas era a música, e creo que aquí sería perfectamente viable”. Para Roy Basanta, líder do grupo Basanta, a ausencia de teloneiros locais “é unha mala noticia, xa que é unha oportunidade única de poñer no escaparate aos artistas da cidade e axudalos a medrar”. Eladio Santos, líder de Eladio y los Seres Queridos, engade que “tocar en Castrelos está mitificado, pode non ser máis ca unha noite bonita se despois non se apoia a estes grupos na súa loita diaria”.

Unhas das solucións ou ideas que máis se comentan é a de facer un festival de grupos locais no Auditorio, sobre o que Eladio opina que “xa se intentou fai anos, e conseguiu encher case a metade do aforo. Non é tan sinxelo, desde a lexislacióin ata a evolución da industria musical poñen trabas para que os grupos locais toquen alí. Ademais, moitos din que apoiarían un evento así, pero despois so irían ao concerto de Miguel Bosé ou de Metallica”. Basanta concorda en que “é utópico pensar que os grupos de aquí poidan mover tanta xente como os de fóra”.

Avendaño, pola súa contra, pensa que é posible que unha banda viguesa encha Castrelos “apoiándoa a nivel promocional, como se fixo nos anos 80. Acaso Siniestro Total, Os Resentidos e Aerolíneas Federales naceron sendo famosos?”. A música viguesa Patricia Moon engade que “telonear a un artista non só depende do Concello, senón tamén da promotora, que son os que deciden se queren ou non queren teloneiros” e incide na oportunidade que suporía para un artista vigués poder tocar alí.

Existen outras vías e espazos para que o artista local poida darse a coñecer ante o gran público? Patricia, que vén de tocar no Vigo SeaFest, pensa que si, pero que “a maioría dependen das grandes produtoras que organizan os festivais, polo que teñen que contratarte e tes que negociar directamente con eles”. Tanto Avendaño como Basanta concordan en que, por difícil que sexa o mundo da música, queixarse non é a solución, senón traballar máis duro. O primeiro di que “se desde o rock n roll cúlpase ás institucións da falta de saídas comerciais, é que algo vai moi mal no rock n roll”, e o segundo cre que o que toca é “facer boas cancións, ofrecer algo diferente e demostralo nas oportunidades que se teñan en directo”.

Desde o Concello insisten que os grupos da cidade teñen numerosos escaparates durante o ano, os máis recentes o Vigo SeaFest ou a Festa da Cultura, para tocar en espazos grandes. A última vez que unha banda local pisou o escenario de Castrelos foi en xullo de 2016, con Aphonnic teloneando a Anthrax, e haberá que agardar mínimo ata o ano que vén para que isto se repita.

 

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.