Pontellas vence nun concurso de rondallas de alto nivel
A rondalla de Pontellas alzouse co primeiro premio do tradicional concurso, que se celebrou onte no IFEVI. A segunda posición foi para Santa Eulalia de Mos e a terceira para Nosa Merced de Chain. Atios levou o galardón ao mellor conxunto de abandeirados.
Puntualmente ás 17.00 horas da xélida e soleada tarde de onte, os rondalleiros de Guizán inauguraban o terceiro Concurso de Rondallas organizado pola Xunta de Galicia no IFEVI. Charrascos, pandeiretas, castañolas e demais instrumentos entoaron durante 12 minutos tanto temas tradicionais como modernos ante a atenta mirada do público que abarrotaba as gradas do pavillón. A de Guizán foi a primeira dun total de trece actuacións que se prolongaron ata case ás 20.00 horas da tarde.
Como novidade, este ano foron cinco as rondallas premiadas en lugar de tres, e tamén cinco conxuntos de abandeirados. As primeiras posicións do palmarés non sorprenderon a ninguén. O podio debatíase entre as rondallas de Santa Eulalia de Mos e a da Sociedade Cultural de Pontellas, finalmente foi esta última a que se alzou coa primeira posición. Máis dúbidas había nas tres posicións restantes, pois o nivel das rondallas era moi alto este ano. O terceiro premio recaeu na rondalla Nosa Merced de Chain, o cuarto na rondalla do Centro Cultural de Torroso e o quinto na do Centro Cultural de Herville. Os conxuntos de abandeirados, que encheron de cor o recinto coas súas coreografías, foron premiados no seguinte orden: Atios, Chain, Pontellas, Valadares e Beade.
Como xa é habitual as rondallas sorprenderon aos asistentes coas súas particulares intrepretacións de temas coñecidos por todos como Sweet child of mine tema co que entrou en pista a rondalla de Pontellas, Quero Josar dos Heredeiros soou nas gaitas e pandeiretas de Santa Eulalia de Mos e o eurovisivo tema La venda foi interpretado ata por tres rondallas diferentes.
Actuación completa da rondalla vencedora:
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Cynthia Menéndez: «O Vigo industrial é máis significativo e digno que o das luces» - 25 Marzo, 2025
- María Oruña mergúllase na ría de Vigo na súa última novela - 1 Marzo, 2025
- Abre as portas A Nubeira, o novo centro social da cidade - 18 Febreiro, 2025
- Artur Puga, bailarín e músico: «Facer unha foliada en Churruca xa non se ve raro» - 31 Xaneiro, 2025
- Anxo Cabada, fotógrafo: «Pediría que o gasto das luces se reparta un pouco en cultura» - 3 Decembro, 2024