Poesía para celebrar o Día da Língua Portuguesa
O Instituto Camões, o Centro Cultural Portugués en Vigo, organiza un concurso titulado Dizer Poesia, Cantar a Língua no que reta á cidadanía a gravar un pequeno vídeo recitando unha poesía dun autor ou autora en lingua portuguesa. Pódese participar ata o día 27 de abril.
Coa intención de celebrar o Día da Língua Portuguesa e fomentar o gusto pola lírica neste idioma, o Instituto Camões, o Centro Cultural Portugués en Vigo, organiza un concurso titulado Dizer Poesia, Cantar a Língua. Para participar nel só é necesario gravar un pequeno vídeo (de entre 15 e 59 segundos) recitando unha poesía dun autor ou autora en lingua portuguesa e envialo a través deste formulario antes do 27 de abril.
O vencedor será seleccionado a través dos “gústame” dos seguidores da súa páxina de Instagram. Estes contabilízanse desde o 28 de abril, día no que se subirán á rede social todos os vídeos, ata o 5 de maio. A autoria e título do texto utilizado deberá constar do vídeo. Haberá un premio para o gañador, aínda por determinar.
Ademais de en Portugal, o portugués fálase noutros moitos lugares do mundo como Brasil, Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, República Democrática de São Tomé e Príncipe, Macao e Goa. Algúns autores lusófonos relevantes son Luís de Camões, Fernando Pessoa, José Saramago, Gil Vicente, Eugenio de Andrade, Sophia de Mello Breyner Andresen, Mario de Sá-Carneiro, José Regio, Adolfo Casais Monteiro, Cesário Verde, Carlos Drummond de Andrade, Cora Coralina, Vinicius de Moraes, Adélia Prado, João Cabral de Melo Neto, Cecília Meireles…