COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Opcións para celebrar o Día do Libro desde o confinamento

As redes sociais énchense de propostas para celebrar o Día do Libro. Este 23 de abril non poderemos saír as rúas nin encher as librarías pero a literatura vai estar máis presente que nunca con propostas de autores, editoriais, librarías, museos e outras entes culturais.

Non hai dúbida de que esta será unha celebración do Día do Libro ben diferente. Non poderemos correr as librarías a mercar o libro co que sorprender a esa persoa especial ou co que poderemos facernos un autoagasallo. Tampouco haberá actos, presentacións e todo tipo de eventos literarios arredor dos que reunirnos e reflexionar xuntos. Máis se de algo ten servido o confinamento é de darnos tempo para ler e para saldar contas cos títulos que se nos amoreaban nas estanterías.

Ademais froito desta situación de excepcionalidades son moitísimos os recursos literarios aos que podemos acceder agora desde a rede en moitos casos de forma gratuita. Outro dos grandes efectos desta situación excepcional é a proliferación de actividades a través das redes sociais, moitas delas de índole literario. Por exemplo, Xerais anima aos seus escritores a gravarse lendo unha páxina dalgún dos seus libros e o suben as súas redes sociais. E hoxe, 23 de abril, Día do Libro estas actividades intensifícanse. Facemos un percorrido por algunhas delas:

Viaxar sen saír da casa
Viaxar sen saír da casa é unha das propostas da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, que invita aos seus usuarios a encher nas súas redes sociais unha guía de viaxe e unha guía de lectura cos seus lugares e libros destacados. O mapa e listaxe resultantes serán publicados o Día do Libro. Ese mesmo día, a súa web acollerá a exposición virtual ‘Libros e cidades: rúas e relatos, camiños converxentes’, na que se repasan obras significativas da literatura galega e internacional, destacando fragmentos que describen as cidades ou vilas nas que transcorren.

‘Brookcrossing’ virtual
Todos os anos diferentes entidades culturais organzian un bookcrossing, que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo. Aínda que as especiais circunstancias que afectan este ano á mobilidade por mor da pandemia non permiten este formato, nesta ocasión proponse un bookcrossing virtual, no que cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Artium de
Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes. En Vigo participan nesta iniciativa a Biblioteca Pública Juan Compañel e o Museo MARCO.

Día do libro no MARCO
O MARCO ademais de adherirse como cada ano a iniciativa de bookcrosising, neste caso virtual, celebra o Día do Libro cunha sesión especial de contacontos online para público familiar e un avance da súa publicación sobre o artista Manuel Colmeiro. A sesión de contacontos para as familias será conducida por María Xosé Martínez que contará “As luces que se acenden e se apagan”, baseado no libro de Ramón Trigo. Terá lugar ás 12.00 do mediodía a través da web do MARCO, redes sociais e Youtube. Tal como estaba previsto dende a xornada inaugural, no MARCO continúase a traballar a fondo no deseño e contidos da publicación Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos, resultado da exposición do mesmo nome, á espera de poder percorrela de novo en directo nas salas do 1º andar. Producida polo MARCO e comisariada por X. Carlos L. Bernárdez, tanto a mostra como a publicación configúranse a partir dunha coidada investigación e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra dun dos pintores chave na historia da arte galega.

Comercultura
A Editorial Galaxia, a Asociación Vigo Gastronómico e o Concello de Vigo repartirán este mércores máis de 500 libros ás persoas máis necesitadas da cidade olívica, a través da campaña “Comercultura”. As bolsas de comida serán distribuidas co apoio loxístico do Concello, están destinadas a persoas dos comedores sociais e a nenas e nenos sen recursos.
A Editorial Galaxia agasallará algo máis de 500 exemplares do libro A Batalla de Rande, con mapas e gravados, de Román Pereiro Alonso, volume que irá incluído canda a comida nas bolsas que recibirán as adultas e adultos nos comedores sociais. Para os nenos e nenas do Fogar San José – Casa de la Caridad, fixemos unha selección de títulos segundo a idade de cada un dos nenos e das nenas, e así, recibirán dende Audiolibros para os primeiros lectores como literatura pensada para o público adolescente.

Poetas en Nova York
O Festival Kerouac organiza un evento de difusión e promoción da cultura española en Nova York e, agora tamén, en todo o mundo. Será esta tarde ás 20.000 horas desde a plataforma Zoom e en Facebook Live e Youtube Live. Así, dez poetas españois se reunen con Poeta en Nova York como eixo. Cada autor lerá un poema do libro de Lorca e un da súa propia autoría, nunha mostra do traballo persoal de cada poeta e da súa interpretación da obra que cambiou a poesía do noso tempo.

Os escritores e escritoras galegas recomendan
As escritoras e escritores galegos converteranse este xoves nos grandes protagonistas da celebración da Deputación de Pontevedra do Día Internacional do Libro deste ano 2020. escritores e escritoras como Pedro Feijoo, Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Ledicia Costas, Domingo Villar, Inma López Silva, Manel Loureiro e Silvia Penas, compartirán coas persoas que accedan á páxina da institución e ás súas redes sociais, os seus libros de referencia. Neste audiovisual agasallarán á cidadanía coa mellor literatura: “a que nos compromete, a que nos emociona, a que nos fai pensar, a que nos fai máis libres”. Esta iniciativa esta enmarcada dunha semana dedicada a literatura desde a Deputación de Pontevedra.

#AfundaciónEnCasa
Afundación en casa conmemora esta data con propostas que invitan a gozar dos diferentes xeitos de aprender cos libros. Desde conferencias sobre diferentes xéneros literarios (poesía ou cómic), contacontos infantís ou descarga gratuíta de publicacións de Afundación, a Obra Social de ABANCA rende homenaxe á principal canle de difusión de cultura, ciencia e lecer. 

SONRIAS

Ademais das recollidas neste artigo hai moitísimas outras propostas as que poderedes descubrir navegando polas redes e seguindo aos vosos autores favoritos ou as vosas editoriais e librarías de referencia.