CAMELIAS MASCOTAS

Perlim, o lugar da maxia

No Nadal, hai un lugar onde os soños se tornan realidade. E non estamos a falar de Vigo pois, aínda que o esplendor da nosa cidade cegue o resto, hai máis lugares onde vive o Nadal. En Santa Maria da Feira —unha vila lusa a 30 quilómetros ao sur da cidade do Porto—, Perlim está á espera. O que naceu como un proxecto pequeno en 2008, é na actualidade o maior parque temático natalicio de Portugal, atraendo milleiros de persoas cada mes de decembro. A Quinta do Castelo, coroada por unha fortaleza do século IX nun gran estado de conservación, transfórmase durante todo este mes na Terra dos Sonhos, como foi inicialmente bautizado este evento. A festa non se limita á temática natalicia, pois no interior do parque hai árbores sabias, elfos, fadas, magos, piratas, princesas e trasnos como Perlim e Pimpim, dous xemelgos que exercen de anfitrións durante a visita.

No interior do parque hai carruseis, concertos, espectáculos diversos, flocos de millo, fogos artificiais, lagoas, musicais, tirolesas, tobogáns, trens e xogos variados. Ata ten unha caseta o mesmísimo Papá Noel! O prato forte da visita é o circo Magikal, que ofrece no un espectáculo cunha reflexión sobre a liberdade, a loita ante as inxustizas e a busca da verdadeira felicidade protagonizada por un feiticeiro posuidor dun chapeu con poderes máxicos. Conta con dous pases por xornada, un de mañá e outro de tarde. Unha das novidades deste ano é a creación dun mercado de nadal no Largo do Rossio a escasos 500 metros da entrada ao parque; un espazo de acceso gratuíto que conta cunha esmerada decoración e actividades de animación onde podemos atopar obxectos de regalo, doces típicos e gran variedade de apócemas máxicas, para iniciar ou rematar á altura das circunstancias a visita.

REVISTA NOVEMBRO

Perlim constitúe unha escapada ideal para realizar en familia, onde grandes e pequenos poden desfrutar do maior parque temático de Nadal do país veciño a hora e media de Vigo.

Perlim | Alameda de Roberto Vaz de Oliveira, 4520-141 (Santa Maria da Feira, Portugal) | perlim.pt | @perlimportugal

Pablo Vázquez
Redactor