REVISTA ABRIL

3Granos, viño e café nun mesmo lugar

Emerxe no corazón da cidade un local aberto aos brunch, aos cafés máis selectos e a unha boa carta de viños e tapas: 3Granos é un espazo flexible. O barista Miguel Paez abriu este local hai uns meses para ofrecer un lugar onde os sibaritas do café puidesen gozar dunha atención personalizada e onde cada sorbo fose unha experiencia.

Miguel Paez no local | S. Nieto

Tras anos en continua formación, decidiu poñerse aos mandos deste local canda o seu compañeiro Manuel Hernández. De deseño moderno e acolledor, o espazo ofrece un ambiente versátil que se adapta a cada momento do día. É idóneo tanto para quen precisa un recuncho tranquilo para tomar un café matutino como para quen procura un lugar animado para tomar uns viños entre amigos despois de traballar.

Durante as primeiras horas, o lugar é un reino dedicado ao café. A paixón reflíctese en cada cunca, con grans de provedores seleccionados e a práctica da latte art, que mima cada detalle para elevar a percepción do sabor. Aínda que os pratos se poden pedir a calquera hora do día para degustarse no interior do local ou na terraza, á medida en que decorre a mañá, van chegando as primeiras peticións para a parva e o xantar.

3Granos ofrece un menú elaborado coidadosamente que conta cunhas exquisitas torradas —como a de humus, tomate seco, eiruga, aguacate, tomate cereixeiro e aderezo de froitos vermellos—. O apartado doce está compostos por tortas, panqueiques e uns cuncos de iogur aos que engadir froitas, cereais e marmelada para obter unha combinación de sabores máis que apetecible.

REVISTA ABRIL

Ao caer a noite, o local dá pé a un ambiente animado con música acústica e unha carta de viños pensada para acompañar tapas e ensaladas elaboradas con ingredientes frescos —como a de polo, herba dos cóengos, tomates cereixeiros, cebola morada e guacamole caseiro—. 3Granos quere garantir experiencias únicas, e cada mes lévanse a cabo diferentes actividades, como catas de viños, probas de café e obradoiros artísticos, coma o que se programa o primeiro xoves deste mes: «Art & Wine».

Manuel Núñez, 13 | @3granosvigo | 647 37 09 95

Sara Nieto
Redactora