ASNEVES
REVISTA MAIO

Pequefreak, o certame de cinema gamberro para os máis novos

O Galician Freaky Film Festival celebra por primeiro ano unha xornada dirixida a público infantil, que contará cun taller de Stop-Motion impartido polo director Fernando Cortizo, xogos de realidade virtual e cinema, moito cinema. O Pequefreak celebrarase o 24 de setembro no Auditorio do Concello.

O Galician Freaky Film Festival quenta motores para a súa vindeira edición, que terá lugar do 29 de setembro ao 2 de outubro. Onte desvelaron a localización deste ano: a New Videodrome estará emprazada en MUTA. Pero antes teñen preparada unha sorpresa para os pequenos da casa: a celebración do Pequefreak, un evento ineludible para iniciar ás próximas xeneracións no cinema freak e a paixón polo séptimo arte.

O Pequefreak celebrarase o sábado 25 de setembro, durante todo o día e no Auditorio do Concello. As proxeccións serán o eixo central da programación, con dous bloques de curtametraxes internacionais divididos por idades. As da mañá están pensadas para desfrutar con máis de 7 anos, mentres que ás da tarde son aptas para todas as idades. En total exhibiranse 19 curtametraxes entre as que os minifreaks deberán elixir a súa favorita. O broche final a esta xornada de cinema infantil será a proxección de Los Goonies, o clásico de 1985 dirixido por Richard Donner e baseado nunha historia de Steven Spielberg.

Ademais das proxeccións, o irmán máis novo do Galician Freaky Film festival contará con varias actividades participativas, pensadas para facer agromar nos nenos e nenas o interese polo cine e estimular a súa imaxinación. Unha destas actividades será un obradoiro de Stop-Motion, a cargo de Fernando Cortizo, a figura máis relevante desta técnica en España e pioneiro en Europa. Cortizo é coñecido por dirixir en 2012 O Apóstolo, a primeira película europea en Stop-Motion estereoscopio. Con ela obtivo o nomeamento ao Goya á Mellor Película de Animación, ademáis de numerosos premios internacionais, 6 premios Mestre Mateo e a Preselección para os Óscar 2014.

Esta arte cinematográfica consiste en crear a sensación de movemento a través da sucesión de fotografías. Para isto, os participantes moldearán os seus propios personaxes e crearán unha escena fotograma a fotograma, dando vida a unha pequena película de animación coas súas propias mans. Ao tratarse dunha técnica artesanal e multidisciplinar, permítelles explorar diversos campos como son o modelado, a pintura e a fotografía, o que a converte nunha estupenda ferramenta para o exercicio da imaxinación.

A segunda actividade paralela será de Realidade Virtual e estará guiada pola empresa de actividades de lecer Inmersia, dedicada a introducir aos máis pequenos no mundo da robótica e a electrónica de xeito divertido. Durante a actividade, poderase gozar de varios xogos e experiencias con gafas e mandos de realidade virtual, segundo os gustos de cada un.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.