CAMELIAS MASCOTAS

Pedro Feijoo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo gañan os Premios Xerais

Xa coñecemos os Premios Xerais 2023, que recaeron en Pedro Feijoo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo que se alzaron co premio de novela, literatura xuvenil e literatura infantil respectivamente. As obras sairán publicadas este outono cando tamén se celebrará a gala de entrega de premios.

As obras cos títulos ‘Ninguén contará a verdade’, ‘Furia’ e ‘A botella de lentellas’ resultaron gañadoras do XL Premio Xerais de Novela, o XV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXVIII Premio Merlín de Literatura Infantil. Unha vez abertas
as plicas, o autor e autoras dos textos escollidos polos xurados son Pedro Feijoo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo Vázquez, respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.

O ansiado novo libro de Pedro Feijoo fala dun caso de corrupción política que afecta directamente ao presidente da Xunta de Galicia e que está a deixar un regueiro de vítimas. Segundo o xurado “uns diálogos sen fisuras, un ritmo áxil, a meticulosa descrición dos espazos, a reflexionada estrutura e a atmosfera que paira sobre toda a narración”, fixeron a novela merecedora do premio. “É unha novela ousada e ambiciosa cunha trama adictiva”, conclúen.

REVISTA NOVEMBRO

A obra de María Reimóndez conta a historia de Cecilia, unha rapaza de 16 anos que tras a morte da súa nai, muda de cidade para vivir coa súa tía avoa. A rabia contida da protagonista será canalizada a través do boxeo, un deporte estigmatizado que se converterá na súa táboa de salvación. O xurado valorou “a forza do argumento, o manexo da lingua e o carisma dos personaxes”.

Leticia Barbadillo achéganos a historia de Manuel, un neno que pasa moito tempo só na casa, xa que o pai traballa demasiadas horas repartindo paquetes e á súa avoa, enferma, tiveron que levala a unha residencia. A través de Manuel achegámonos a sorprendentes historias protagonizadas todas elas por lentellas. O xurado destacou “a fantasía e a
oralidade duns contos magnificamente construídos” e engadiron que estamos perante “unha novela narrada cun estilo preciso e cun notable dominio léxico, que emprega a técnica dos relatos enmarcados.

Este ano presentáronse aos premios 87 obras. Cada un dos recoñecementos está dotado con 10.000 euros. Ademais, en 2023 o Premio Xerais de Novela chega á súa 40 edición desde que en 1984 gañara o galardón ‘Crime en Compostela’, de
Carlos G. Reigosa, que anos despois se converteu nun best-séller da literatura galega. Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O Parador de Baiona, que xa acolleu as primeiras edicións do acto de entrega dos Premios Xerais, é o lugar escollido para a celebración.