Paula Palacios álzase co 1º premio do X Certame de Relatos Vigo Histórico
Este venres 6 pola mañá celebrouse na sede da asociación Évame Oroza o fallo do xurado do X Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado pola Editorial Elvira. Paula Palacios foi a gañadora do primeiro premio e Juan Portabales do segundo. A finais de novembro terá lugar unha gala coa entrega dos galardóns e a publicación do libro Relatos na rúa X cos textos escollidos polo xurado.
Xabier Romero, director da Editorial Elvira, explicou na mañá deste venres na sede da asociación Évame Oroza a xénese do concurso de relatos Vigo Histórico. Igual que na orixe da propia editorial, o poeta Carlos Oroza xogou un papel moi importante, e mesmo foi xurado na primeira edición do certame. 11 anos despois o concurso celebra o seu décimo aniversario, sen apoio do Concello como en edicións anteriores, pero cunha alta participación: a editorial recibiu uns 200 relatos de diferentes partes de Galicia, España e mesmo do mundo.
O xurado está novamente formado por personalidades ben recoñecidas do eido cultural vigués: a escritora Ledicia Costas, o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a escritora Clara do Roxo, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a escritora e actriz María Lado e a xornalista Noelia Otero Lago. Do Roxo, presente na conferencia de prensa deste venres, recoñeceu as dificultades que tiveron á hora de escoller os gañadores e o intetensas que poden chegar a ser estas reunións de deliberación.
O relato gañador foi O neno aparecido de Paula Palacios, quen xa participara en edicións anteriores e agradeceu o agarimo co que a editorial trata a aos autores e os seus textos. O segundo premio foi para Socio de Alfonso Juan Portabales, un relato que garda relación co centenario do Celta. Os accésits foron parar para Más se perdió en la guerra de Cuba, de Gloria Fernández; Sigmund Froiz, de Fátima González; Entre escamas y plumas, de Andrea Peiteado; e Soy Leyenda de Alejandro Hernández.
Entre os relatos que tamén se publicarán no exemplar de Relatos na rúa X figuran os autores Rubén Domínguez, Miguel Cavadas, Marcos López, Carlos Álvarez, Ramón Rial, Beatriz C. Rodríguez, Pablo Vázquez, Nuria Guardiola, Silvia Villar, Xosé Alberte Alonso, Ramona Prieto, Juan Antonio Álvarez, Cristina Cifuentes, María José González, Raúl López, María Luisa Blanco, Celia Mª Durán e Yago Requejo.
A finais de novembro celebrarase un acto para entregar os premios aos gañadores e para presentar a publicación de Relatos na rúa X, que albergará todas estas obras que teñen a única condición de ter a cidade de Vigo como protagonista. A fundación IgualArte colaborará, como é tradición, nas ilustracións dos libros e nos espectáculos da gala.