REVISTA ABRIL

Pasa un verán de cine con ActuaArte

O cinema ten a grande vantaxe de entreter e culturizar a partes iguais, polo que introducir aos pequenos da casa neste eido tan creativo só pode saír ben. A escola de formación actoral ActuaArte prepara para este verán un campamento para rapaces onde aprenderán conceptos de creación dun proxecto audiovisual e interpretativo dunha maneira lúdica. Comezará o 5 de xullo en horario matinal, de 9:30 a 14:00, e durará a ta o 3 de setembro.

REVISTA ABRIL

“Despois de varios anos traballando en Madrid, a dupla formada por Raquel Meleiro e Enrique Basteiro, decidiu regresar á terra e ofrecer o que vían que moitos galegos ían buscar á capital do Estado: formación artística orientada ao mundo audiovisual”. Así comezaba o noso artigo da revista de xaneiro deste anos sobre ActuArte (Joaquín Loriga, 24), un centro formativo orientado en maior medida á formación interpretativa para todos os niveis e idades, así como a outras disciplinas máis ou menos complementarias: canto, danza, dobraxe, expresión corporal, fotografía ou técnica vocal.

Este verán teñen preparado un campamento infantil orientado á mocidade que estea atraída polo mundo do cinema e a televisión. O obxectivo é introducir os conceptos de creación dun proxecto audiovisual e interpretativo dunha maneira lúdica, a través de xogos e improvisacións, alternándoa con outro tipo de actividades deportivas como o surf e o skate. Os grupos serán reducidos, con opción de recollida e merenda incluída.

Impartido pola actriz e cantante Raquel Meleiro, a rapazada creará personaxes irrepetibles, improvisará, traballará a expresión corporal, aprenderá técnicas cinematográficas, afrontará o medo escénico e creará a súa propia película. Un proceso que os levará desde a escritura dun guión ata a proxección da obra final a través do traballo en equipo. Unha maneira diferente de aprender divertíndose. Se queres máis información, chama ao 655 254 387, escribe a actuarteespaciocreativo@gmail.com ou visita a súa páxina web.