Pablo Carreiro preséntanos ao seu álter ego no cómic ‘Chico!’

Igual vos acordades de Chico!, o cómic no que o vigués Pablo Carreiro falaba de temas cotiáns como a amizade, o amor, o sexo ou a soidade a través de tiras cómicas autoconclusivas. Esta semana presentou o segundo volume, repleto de historias e escenas coas que é moi sinxelo identificarse entre o abanico de personalidades dos seus personaxes. Ademais, foi un dos primeiros comics a nivel estatal en abrazar a bandeira del arco iris, convertíndose en referente do movemento LGTBQ+. Recuperamos a entrevista que lle fixemos a finais de 2019 sobre o seu debut editorial. Podes mercar calquera dos dous libros e outros produtos de merchandising aquí.

Cando nace este personaxe?

Un día descubrín Macanudo de Liniers e con esta obra naceu o meu interese por contar historias sobre o cotián, aventurillas de todos os días e reflexións sobre temas correntes a través das tiras autoconclusivas. Así empecei a crear viñetas sobre os nosos felices anos universitarios nun fotolog que se chamaba AllSmall e tras moitas voltas cheguei a Chico!.

Canto de ti hai en Berto e viceversa?

Berto e eu levamos moitos anos xuntos. Compartimos moitas cousas, moitísimas, os dous temos os ollos tristes, unha barbiña pouco poboada, somos tímidos pero non moito e grandes afeccionados á risa parva, os dous somos moi fans das Spice Girls e fantaseamos con ter unha amiga loura para que faga de Emma. Moitas das frases de Berto díxenas ou penseinas nalgún momento e, en resumo, temos a mesma forma de enfrontarnos ás cousas pero levamos vidas diferentes. De feito, moitas veces vexo as cousas que lle pasan e penso “Oxalá fose eu fose el!”

Utilizas aos teus achegados como personaxes e imaxino que moitas das tiras están baseadas en anécdotas persoais. Sentes que o resto do público empatiza coas túas historias?

Teño moita sorte de ter unha familia e unhas amigas moi “insipiradoras” e é certo que cada personaxe de Chico! ten a súa orixe en alguén da miña contorna pero o tempo fixo que, aínda que soa algo sanguento, “o personaxe matou á persoa”. Cada personaxe ten unha personalidade moi definida e as situacións polas que pasan son moi comúns polo que é fácil que o lector se identifique con algún deles. O cómic trata temas como a envexa, o medo, as relacións persoais ou o cara que está a vida. Son cousas polas que pasamos todos. Gústame moito cando lectores escríbenme comentándome experiencias persoais que ven nas viñetas ou cando me contan cal é o seu personaxe favorito, iso é xenial! Sorprendeume moito que Hannah é a clara favorita de moitos.

Como decidiches pasar a Chico! da web ao papel? Foi un proceso difícil?

Adoro os cómics, os de papel imos coas súas páxinas e o seu título ao dorso. Teño unha colección moi vistosa e desde que esbocei Chico! o meu desexo era levar esas tiras a un libro. O proceso non foi un camiño de rosas, moitas editoriais pecháronme as portas e non me deron unha oportunidade. Xuntáronse dúas cousas, que son un “novato” e un “mindundis” de moito coidado así que tiven que esforzarme e tocar moitas portas para alcanzar un “adiante!”.

Foi a editorial Librospuntocom quen apostou polo título e para financiar o seu lanzamento iniciou unha campaña de “crowfounding” que alcanzou o obxectivo proposto en menos do prazo fixado. Obviamente a miña familia e amigos puxeron o seu grao de area pero foi moi excitante ver como a comunidade de xente que creara publicando as tiras de Chico! a través do meu instagram (@ p_ carreiro ) animouse a facerlle un oco no seu andel a este recompilatorio de Chico! e converterse en mecenas.

O día no que finalmente tiven o libro nas miñas mans foi moi emocionante. Deiteime no sofá, púxenme Night& Day de Virgnia Labuat que é un disco moi ambiental e tranquilote e linme as tiras unha a unha coma se xamais as vise. Foi máxico!

Canta influencia ten o manga na túa forma de debuxar de contar historias?

Moita! Desde pequeno son un gran afeccionado ao manga e anime xaponés o que deixou pegada na miña forma de contar historias. Os personaxes presumen de grandes e expresivos ollos, a obra céntrase máis na “emoción” que na acción, as proporcións varían para intensificar expresións… Nas tiras hai chiscadelas a moitas obras, de feito unha das miñas tiras preferidas é unha homenaxe a Sailor Moon, o meu título favorito.

Ademais do manga obras como Peanuts de Schulz ou Mafalda de Quino son claros referentes sobre todo á hora de atopar no rutineiro pequenas historias e engrandecer o cotián.

Na portada do libro vemos un #1. Se todo vai ben tes pensado sacar máis volumes?

Esa é a idea! Este primeiro volume non ten un desenlace que o peche todo, é máis, o mundo das cotidianeces é infinito. Encantaríame que Chico! fose como os Simpson e que dentro duns anos esteamos aquí tranquilamente falando de Chico! #025. Adoito publicar dúas tiras á semana nas miñas redes polo que xa hai material para outro volume. Se todo vai ben a miña idea é ter o próximo libro listo para verán!

Ademais de en Chico!, en que outros lugares podemos ver o teu traballo como ilustrador?

Desde que me envalentonei a probar sorte no mundo do cómic e a ilustración tiven ao sorte de colaborar con marcas e webs creando diferentes pezas (ilustracións para material promocional, exposicións, portadas para diferentes formatos…). Pero bueno, como unha imaxe vale máis que mil palabras anímosvos a que con toda a calma do mundo bóteslle unha ollada á miña web www.pablocarreiro.es

REVISTA VERAN
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.