Os vigueses Lontreira e Diego Alonso 5tet seleccionados para actuar no MUMI
O MUMI, siglas de Músicas no Minho, é o encontro profesional entre as músicas de Galicia e Portugal, que este ano celebra a súa cuarta edición do 21 de setembro ao 24 de setembro entre Tui e Valença. Ademais de charlas e actividades para profesionais do sector musical, o MUMI celebrará catorce showcases de artistas galegos e portugueses abertos a todo o público .
Despois dun duro proceso de selección motivado polo éxito de convocatoria que se pechou cun total de 244 propostas artísticas candidatadas para os showcases, o MUMI anuncia as bandas e artistas que van configurar o programa profesional da feira entre o 21 e o 24 de setembro. Oito nomes de Galicia e seis de Portugal amosarán ao público, profesional e tamén xeral, a diversidade de propostas musicais que conviven na escena actual. Galicia presentará os directos de Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Habelas Hainas, Moura, Xurxo Fernándes, Lontreira e Diego Alonso 5tet (estes dous últimos de Vigo); mentres Portugal achegará as propostas de Aníbal Zola, Expresso Transatlântico , María Monda, Maze, Retimbrar e Virgem Suta.
Desde a equipa organizativa destacan que a diversidade continúa a ser a palabra clave na música ao vivo que vai ofrecer o MUMI 2023, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galega e portuguesa. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica, pasando polo jazz, o pop, as músicas urbanas ou a canción de autoría, os showcases programados recollen a efervescencia musical que bule a ambas beiras do Miño cunha presencia moi destacada das músicas que experimentan a partir da raíz, e que felizmente non deixan agromar.
A este primeiro adianto sumaranse nos próximos meses un programa de conferencias e sesións de traballo conxunto, e tamén outras propostas musicais que serán convidadas a participar no encontro, entre as que se inclúe unha colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa, o mercado de referencia para as músicas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo. Grazas a este intercambio, o MUMI vai contar na súa programación coa actuación do grupo catalá Alba Careta & Henrio. Un delicado proxecto no que a trompetista e cantante Alba Careta e o cantautor e produtor Henrio presentan unha viaxe onírica por varias cancións de berce catalás recollidas no cancioneiro popular de “Càntut, cançons de tradició oral”. A Fira de Manresa tamén recibirá na súa próxima edición en outubro unha proposta galega da pasada edición do MUMI. O grupo escollido é Caldo, que terá a oportunidade de realizar un showcase para presentar o seu novo disco Lugar A Ponte neste importante mercado onde se dan cita programadores de todo o mundo.
As inscricións profesionais para o MUMI 2023 continuarán abertas a través da páxina mumimusicas.eu sen ningún tipo de custe e ata a propia data do evento para facilitar a asistencia das persoas interesadas en manter sesións de traballo conxunto dentro do espazo destinado aos speedmettings ou encontros rápidos entre profesionais. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral, daranse cita neste evento que quere converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular e que ten como obxectivo crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa, construír unha relación estable entre axentes e empresas de Galicia e Portugal; e destacar o talento creativo de proximidade ante programadores e técnicos de cultura de ámbolos dous países.