VIALIA
bannerPicnicSesions

María Castro: “Estou moi emocionada por cumprir o meu soño de actuar no Teatro Afundación”

A actriz viguesa estréase este venres no Teatro García Barbón coa obra de teatro “Dos más dos”, unha comedia que nos enfronta ao problema da monotonía da vida en parella e nos propón opcións para combatela como o intercambio de parellas. Unha vía que Castro descarta por estar a vivir unha etapa moi doce no eido persoal.

 

 

Con ganas de actuar en Vigo?
Para min é moi ilusionante, actuei moitas veces sendo máis nena no pavillón das Travesas pero na miña faceta como ximnasta. É a primeira vez que podo actuar na Afundación desempeñando a labor que máis me gusta. Estou moi emocionada e con moitas ganas de que o público vigués veña a vernos e que o pase ben porque o certo é que nesta actuación a gargallada está asegurada.

Ademais nun teatro tan emblemático como o García Barbón
Si, é un teatro precioso, con moita solera. Eu só estiven como espectadora pero nunca imaxinei verme enriba das táboas. Agora vou ver un soño cumprido.

“Canto peor o pasa a personaxe que non quere probar, mellor o pasa o público”

Que atopará o público que se achegue a ver ‘Dos más dos’?
É unha comedia moi divertida e dinámica. O espectador vai atoparse cun conflito de parellas. Na obra participan dúas parellas, unha delas máis tradicional no ámbito sexual e a outra moito máis ávida, máis investigadora… de feito realizan intercambios de parellas e o que queren é que os seus amigos proben e vexan que esa pode ser a súa saída a unha vida chea de monotonía. O principio eles non queren saber nada diso, sobre todo el, ela parece que lle pica un pouco máis a curiosidade pero pouco a pouco vanse convencendo… e canto peor o pasa o personaxe tradicional, ese que non quere probar, mellor o pasa o público.

Das vida ao personaxe de Silvia, como é?
Silvia, en aparencia polo menos, é moi aventureira, pizpireta, moi alegre, segura de si mesma, está moi namorada do seu marido. Sexualmente é unha persoa inquieta e gústalle probar… logo hai que ver que esconde debaixo e se é todo tan fácil como parece.

“O bonito do teatro é que a xente marche con algo na cabeza que lle faga pensar”

Trata temas moi actuais como é a monotonía en parella, a infedilidade ou o intercambio de parellas do que cada vez se fala máis
Reflicte ben os problemas e a realidade das parellas: a monotonía co paso do tempo, de como avivar a relación… eu creo que moita xente se sinte identificada en moitos momentos da función. De feito dende arriba pódense ver codazos entre homes e mulleres que están de espectadores. E cónstame que o intercambio de parellas é un tema de conversa que logo dá para moitas ceas de amigos. Fai pensar e tamén iso é o bonito do teatro, que a xente marche con algo na súa cabeza e remova a súas ideas.

“Non sería capaz de practicar o intercambio nin que o practicase a miña parella”

Que opina María Castro do intercambio de parellas?
Eu incapaz. Eu sería completamente incapaz, nunca podes dicir nunca xamais… pero nese sentido son moito máis tradicional. Non sería capaz nin de practicalo nin de que o practicase a miña parella. No meu caso cando estou con alguén e me enche do xeito que me enche a miña parella actual non preciso buscar nada máis. Pero non é que diga que estea mal, non é que o xulgue, é que non me apetece non o necesito.

Polo que parece a monotonía non é un problema na túa vida, aínda recordamos todos a declaración que che fixo José Manuel Villalba en directo no programa ‘El Hormiguero’
Levo soamente catro anos con el, o que pasa é que foron catro anos moi vividos porque xa temos unha filla en común e agora imos casar. Supoño que non é o mesmo que levar vinte. Pero eu sempre creo que hai xeitos de insuflar aire á parella e facer que a paixón e tamén o amor e a convivencia non caian nun sitio inadecuado. Cando ves que a chama comeza a apagarse hai que botarlle un pouquiño máis de madeira. Iso si, para vagos non vale porque hai que traballalo día a día.

Pódese dicir que estás vivindo un momento doce tanto no persoal como no profesional
Si. Levo anos así. Tiven moita sorte a nivel profesional, porque a nosa profesión ten un índice de paro moi grande. Aínda que teñas que valer, hai unha parte fundamental de sorte. A min polo de agora nunca me abandoou e agardo que continúe sendo así. É verdade que son moi curranta e unha vez que podo subirme a ola pois nado, nado, nado para non baixar. No persoal estou nun momento moi emocionante porque vou casar e a miña filla ten un ano e medio…Cando unha parella está ben e ten unha filla desta idade é un momento precioso. Está no momento de descubrir, de formarse como persoiña e a nós tócanos estar ao seu carón.… Son tamén os anos máis esgotadores pero están cheos de cousas bonitas. Así que monotonía neste momento cero, non podo.

Teño entendido que tedes pensado casar en Galicia
En Baiona, si. Son de Vigo pero pasei gran parte da miña infancia en Baiona. De feito case era medio ano en Vigo, medio ano en Baiona. Teño un recordo moi especial de aqueles veráns e quero reproducilos a miña maneira na miña voda.

“Vigo para min o é todo”

Que significa Vigo para ti?
Pois Vigo é todo. É a cidade que me viu nacer, que me viu crecer e que me viu forxarme como persoa. Gustaríame voltar, o que pasa é que a vida lévache por outros camiños. Agora estou en Madrid pero o meu corazonciño sempre está na miña terra, iso a xente que me coñece o sabe ben.

REVISTA ABRIL

Que é o que máis botas en falta?
A miña xente. Vigo é a miña cidade síntome moi a gusto. Gústanme os vigueses, o clima, a comida pero o que máis boto en falta é a xente. Non ter perto a miña familia tódolos días. Teño unha avoa moi maior de 96 anos, os meus sobriños… Pero, vou todo o que podo e cando non podo os traio para aquí para non botalos tanto en falta.

A tele deuche a fama, pero como te atopas máis cómoda na tele ou no teatro?
Gústame todo. O teatro recórdame aos meus tempos de ximnasta, ten esa cousa de ensaiar algo moito tempo e logo saír ao tapiz, neste caso o escenario, e botar toda a carne ao asador. Ten unha parte moi máxica, porque podes confiar no compañeiro para que che bote unha man cando tes algún problema. E gústame recibir a resposta do público, porque cando eu gravo non sei o que pasa ao outro lado, pero no teatro si.

Es moi activa nas redes sociais, gústache estar en contacto directo cos teus seguidores?
Pois comecei por motivos laborais para que a xente puidese coñecer o que facía. A través das redes levo recibido moito cariño e síntome en débeda. Convertéronse na miña forma de contar aos meus seguidores o que estou facendo, cales son as miñas opcións de vida…

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.