Os Resentidos anuncian novo disco 28 anos despois
Non era sen tempo. A mítica banda capitaneada por Antón Reixa, que se fixo célebre no apoxeo da Movida Viguesa, volve cun novo disco case tres decadas despois: Organización Nautilus. Polo momento teremos que conformarnos co single de adianto, cun videoclip basado nos debuxos do neno Antón Romero.
Das bandas máis destacadas dos anos oitenta en Vigo, só Siniestro Total se mantinvo activa de maneira continua ata os nosos días. Algunhas, como Golpes Bajos ou Bromea O Que, desapareceron hai tempo, e outras, como Aerolíneas Federales ou Os Resentidos, tiveron unha traxectoria máis intermitente.
Agora son estes últimos os que volven á carga cun novo traballo discográfico que leva por título Operación Nautilus, con data de saída aínda por confirmar. Estará formado por 12 cancións compostas recentemente e a banda estará composta por Rubén Losada, Xabier Soto, Antón Reixa, Gabriel Villar, Xoaquín Seoane, Pablo Vidal e Anxo Graña.
O primeiro single leva por título “Nautilus”, nome do famoso submarino de Jules Verne en Vinte mil leguas de viaxe submarina. A canción está salpicada de continuas referencias ao escritor e á súa obra na nosa xeografía. O son máis rockeiro distánciase deste estilo que os fixo célebres catro décadas atrás, unha peculiar mestura de hip hop, rock, ska e música tradicional galega.
Este será o primeiro disco de estudio da banda nos últimos 28 anos, desde que en 1993 lanzaran Están aquí. Outra das novidades reside no videoclip, realizado cos debuxos de Antón Romero Piñeiro, un rapaz de 14 anos que presenta un trastorno do espectro autista (TEA). Xa hai uns anos saíra nos medios debido ao seu talento natural para a pintura, cuxas obras están recollidas no catálogo O mundo máxico de Antón.