CAMELIAS MASCOTAS

Os pedais fanse coa cidade esta fin de semana na Pedaliña

Esta fin de semana toca cambiar os motores polos pedais das bicicletas. A Pedaliña celébrase cunha gran festa no monte do Castro o sábado e a popular marcha en bici que partirá de Porta so Sol o domingo ás 11 da mañá. Como novidade, este ano o percorrido simulará parte do carril bici que o Concello ten previsto construír entre Samil e Teis.

Miles de vigueses se deron cita na Pedaliña de 2017.

As bicicletas serán as grandes protagonistas esta fin de semana. Golpe de Pedal vén de organizar un mes de actividades arredor da bici. Todas elas enmarcadas dentro do programa Vive Vigo en Bici. O colofón final será esta fin de semana coa Pedaliña.
O evento comeza o sábado cunha gran festa no monte do Castro. Como novidade este ano haberá un circuíto de habilidade no que poderán participar maiores e pequenos e pór a proba a súa destreza a dúas rodas. Tamén haberá un circuíto adaptado no que as persoas con necesidades especiais poderán probar bicicletas adaptadas. Súmanse ás xa tradicionais actividades de BTT, o circuíto de educación viaria, a actividade ‘Deixa os teus rodíns’ para os máis pequenos e a exhibición de bicicletas Trial. A organización habilitará un espazo expositivo no que os visitantes poderán observar unha decena de bicicletas e triciclos antigos e ver como foi a evolución deste medio de transporte. A protección do medio ambiente é un dos piares desta actividade, por iso coa colaboración de Montes de Vigo crearon un xogo das damas xigante no que as fichas están feitas de troncos de árbores que foron froito das chamas o pasado outubro. Para animar a festa haberá música a cargo dunha charanga, inchables e foodtrucks para repor enerxía.
O domingo, todos os vigueses están convocados a coller a bicicleta e sumarse a gran marcha que partirá ás 11 da Porta do Sol. A organización agarda acadar os 2000 participantes para por de manifesto que Vigo é unha cidade moderna que aposta por seguir o exemplo de outras cidades europeas nos que a bicicleta é concibida como un medio de transporte. Este ano o percorrido simulará parte do carril bici cuxa construción comezará de forma eminente. Os ciclistas sairán do punto 0 da cidade cara Traviesas, baixarán por Castrelos, Balaídos, Florida, Camelias, na praza do Rei haberá un avitalluamiento para continuar o percorrido ata Travesía de Vigo. Dende aquí, baixarán por Vulcano para regresar a Porta do Sol atravesando García Barbón e Policarpo Sanz.

(GMT+01:00) O Castro

(GMT+01:00) Porta do Sol