VEGANA

Os pazos galegos reinvéntanse en salas de concertos

Os pazos son as novas salas de concertos. Este verán, os pazos nigraneses de Urzáiz e de Cea ofrecen grandes concertos nunhas paraxes únicas, cunha serie de actuacións de artistas de moito prestixio como Gran Cañón, Xoel López, Los Secretos, Sidecars ou Burning.

PAZO DE CEA

Comezamos polos eventos do Pazo de Cea, organizados por La Fiesta, que ofrecen un cartel con 3 concertos entre xullo e agosto: Gran Cañón, Los Limones + Broken Peach e Burning + Mikel Erentxun.

O primeiro día é o 20 de xullo coa actuación de Gran Cañón, superbanda de rock formada por Carlos Tarque, Leiva, Ovidi e Julián Maeso, entre outros. A seguinte cita será o 10 de agosto, con Los Limones, o mítico grupo ferrolano de pop rock, e Broken Peach, grupo vocal feminino acompañado por unha gran banda de rock. Por último, temos o 17 de agosto o concerto de Burning, a histórica banda de rock madrileña, con Mikel Erentxun como invitado especial.

Todas as xornadas comezan ás 20:00 e as actuacións estarán presentadas polo gran showman vigués Tony Lomba. O prezo de cada día é de 18 €, mais tamén existe un abono para os tres días desde 45 €, o cal pode adquirirse aquí. Ademais de moita música, tamén haberá multitude de foodtrucks e postos de comida e bebida de todo tipo.

PAZO DE URZÁIZ

Pola outra banda,  La Factoría organiza no Pazo de Urzáiz 4 xornadas de música entre xullo e agosto: Xoel López + Indomable, La Habitación Roja, Sidecars e Los Secretos.

O xoves 26 de xullo é o turno de Xoel López, quen presentará as cancións do seu último traballo Sueños y Pan, e dos seus discos anteriores, en formato de trío acústico. Como invitado especial teremos ao artista galego Indomable. O xoves 9 de agosto tócalle a La Habitación Roja, banda de pop valenciano que vén de tocar no festival PortAmérica. O xoves 16 actuará Sidecars, a exitosa banda madrileña liderada por Juancho, o irmán de Leiva. Por último, o venres 24 de agosto teremos aos veteranos Los Secretos, que nos deleitarán cos seus hits dos 80 ata os de hoxe. Ademais de todos estes concertos, o 23 de agosto teremos a actuación do monologuista e humorista galego Luis Piedrahita, a 19 €.

Os prezos dos concertos oscilan entre os 19 e os 28 euros, existindo tamén abonos con prezo especial para ver dous dos concertos ou un abono xeral de 82 €. Podes consultar aquí todas as opcións. Ao igual que no de Cea, haberá foodtrucks, Dj’s e teloneiros para estar entretido antes e despois dos concertos.

Ademais de todas as salas e festivais de música, este verán tamén temos a opción destes dous pazos que apostan polos concertos de calidade, e algúns con presenza galega.

REVISTA OUTUBRO

 

 

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.