Os espectáculos infantís serán os protagonistas da Cabalgata de Reis
Xa coñecemos máis detalles da Cabalgata dos Reis Magos deste 5 de xaneiro, como a temática, o número de carrozas e incluso a decoración dalgunhas delas. O percorrido comezará en Isaac Peral ás 18:00 e rematará na Porta do Sol, onde se lles fará entrega aos Reis da chave da cidade.
Hoxe puidemos ver algunhas das carrozas que percorrerán as rúas entre Isaac Peral e a Porta do Sol, entre elas as dos Reis Magos de Oriente. A temática da cabalgata deste ano serán os espectáculos infantís, polo que a carroza de Melchor representará o teatro, a de Gaspar a maxia e a de Baltasar o circo. Outras das carrozas que vimos máis ou menos rematadas foron a da Policía Local, a dos Carteiros Reais, a de Coca-Cola e a de Abanca.
En total serán 15 carrozas, 3 autobuses e unha variedade de actuacións e espectáculos que veremos por Isaac Peral, García Barbón, Policarpo Sanz e a Porta do Sol o sábado 5 de xaneiro a partir das 18:00. Algunhas destas carrozas irán decoradas con motivos circenses, dragóns, cabaleiros, fadas e incluso con Mary Poppins. Tamén percorrerán as rúas o grupo Discamino, a Policía Local a cabalo ou diferentes coches de época. Calcúlase que participarán unhas 1200 persoas neste evento, entre organización, montaxe e desfile.
Todo o traxecto estará completamente valado e os doces que se repartirán, máis de 4 toneladas , serán sen gluten e se azucre. Haberá unha zona reservada para persoas con mobilidade reducida. Os postos en caso de que algunha crianza se perda estarán situados na Porta do Sol e Santiago de Vigo, e os postos de emerxencia en Urzáiz, Miragalla, Colón, Doctor Cadaval e García Barbón.