Os cen anos de Oroza
«Oh eva / évame malú / évame malú». É máis que probable que, de paseo pola rúa do Príncipe, nos atopásemos algunha vez con estes versos do poeta Carlos Oroza (Viveiro, 13 de maio de 1923 – Vigo, 21 de novembro de 2015). O que tal vez non saibamos é que tras ese nome se oculta o que foi considerado por algúns o mellor poeta oral do último século, nomeado «maestro» por Rafael Alberti, premiado en Nova York pola poesía underground que compuxo e apreciado por artistas como Xela Arias ou o grupo Rompente. No ano en que se cumpre o centenario do seu nacemento, propoñemos orozármonos para enxalzar o legado que deixou e celebrar a personalidade deste bardo beat namorado de Vigo.
Son moitas as lendas e os misterios que rodean a biografía deste viveirense e, de feito, algunhas das anécdotas que se contan están magnificadas pola súa figura excéntrica. Outras si que foron certas, como a de cando fantasiou cuns amigos sobre roubar o Banco de España ou cando foi designado por Francisco Umbral «o poeta maldito do Café Gijón», en Madrid. Nesa mesma cidade, Oroza relacionouse, entre outros, con Uxío Novoneyra, con quen pasaría despois longas temporadas no Courel, revisando os seus textos. Con todo, antes de recalar en Vigo nos anos oitenta, tivo aínda tempo de vivir en Nova York ou na Eivisa hippy dos sesenta, onde chegou a compartir escenario con Nico, musa de The Velvet Underground. De Vigo dicía que era a cidade con máis luz de todas as que coñecía e, ademais dos paseos polas rúas do centro, gustaba de sentar nos bancos do Paseo de Afonso XII, mirando o mar, porque dicía: «Detrás daquilo, alí, está América».
Esta última anécdota compártea Javier Romero, director da Editorial Elvira e amigo do poeta. Na súa opinión, o descoñecemento da figura de Carlos Oroza débese a que foi o propio autor, durante moito tempo, o que rexeitou publicar os poemas. Para el, a poesía era algo vivo, e por iso fixo e refixo moitos textos ao longo da vida. Só nos últimos anos aceptou a edición dalgúns, sabedor de que isto permitiría legar a obra de seu ás xeracións posteriores. Na opinión de Romero, a poesía de Oroza é coherente coa forma de pensar e de vivir que tiña o autor: orixinal e chea de palabras inventadas, libre, afastada de luxos innecesarios como a rima e baseada no ritmo que entretecía o día a día das cidades. Se ben os versos poden parecer algo opacos ao primeiro, os textos enganchan e disque escoitalo recitar era unha experiencia que acompañaba para o resto da vida. Ademais, os versos de Oroza son moi actuais e poden interpelar no presente dunha forma que non todos os grandes poetas conseguen; conecta moi ben coas novas xeracións, tanto polas temáticas como pola forma de recitar, que, nalgúns casos, semella rap.Para un primeiro achegamento, Romero proponnos empezar polo poema «América», aínda que lembra que toda a obra que compuxo pode ser considerada como un único e longo canto.
Desde este ano, existe en Vigo a Asociación cultural Évame-Oroza, localizada nun espazo diáfano, na tradicionalmente coñecida como Casa da Collona. Os impulsores esperan conservar e difundir a obra de Carlos Oroza, pero tamén ser un punto de encontro cultural no que a xente poida falar e reunirse. Isto vai en consonancia coa idea que tiña o poeta de que a cultura non estaba en teatros nin en grandes salóns, senón na rúa. Entre os obxectivos de divulgación que procuran acadar, están a tradución da obra de Oroza do orixinal en castelán a outras linguas —sobre todo, a galego e inglés— ou introducir a figura do autor nas escolas. A asociación abre todas as tardes e os rexentes convidan a quen queira facer calquera proposta ao xeito ou simplemente para coñecer o espazo. Búscanse novos socios, pero, sobre todo, xente disposta a colaborar e participar nas actividades que se organizan.
Ás portas centenario do nacemento, a asociación atópase en pleno frenesí. Para empezar, nace o Premios Internacional de Poesía Carlos Oroza, que pretenden recoñecer e reivindicar a figura do autor. Contarán con dúas modalidades: unha de creación poética en galego e en castelán, dotada con 6.000 euros, e unha segunda que busca recoñecer a mellor iniciativa musical de divulgación da poesía, cuxo premio consistirá nunha obra de arte. Ademais, está programada unha mostra itinerante con contidos gráficos e textuais sobre a vida e a obra de Oroza. Con carácter didáctico, esta exposición cuxa comisaria é Branca Novoneyra organízase en seis cubos arredor dunha biografía cronolóxica do poeta que convida á lectura dos seus versos. Poderase visitar en Vigo antes de que se bote a andar nun percorrido por diversos puntos da xeografía galega, como Pontevedra, A Coruña, Ourense ou O Courel. Por último, entre moitas outras actividades previstas ao longo deste ano, cómpre destacar a publicación do libro Oroza 100, que incluirá as achegas de cen artistas que coñeceron ou admiran a figura do homenaxeado e que, a través da palabra e da imaxe, reflexionan sobre as pegadas do poeta na actualidade.
Máis alá da celebración do centenario, na asociación aspiran a que Carlos Oroza conte, nun futuro próximo, cunha estatua que o represente como o camiñante que foi, e que cumpriría instalar na rúa que leva o seu nome, ben preto dos versos plasmados na rúa do Príncipe. Non deixa de ser un proxecto, pero estase a traballar para conseguir que se faga realidade. Sería unha forma de ter presente aquel poeta que, paseando entre as rúas da nosa cidade, compoñía o seu longo canto.
Iria Alonso e Antía Monteagudo
Redactoras