CAMELIAS MASCOTAS

Onde ver as Perseidas esta fin de semana en Vigo?

Volven as chuvias, neste caso de estrelas, este sábado 11 de agosto coas Perseidas ou Lágrimas de San Lourenzo, que poderán verse desde distintos puntos de Vigo e que conseguirán reunir a multitude de persoas co único e fermoso obxectivo de mirar cara o ceo.

As Lágrimas de San Lourenzo, que reciben este nome pola cercanía da súa aparición ao 10 de agosto, día deste Santo, poderán gozarse desde distintos puntos da cidade, sendo o monte do Castro e o Vigozoo os principais dúas das opcións principais, xa que organizáranse distintas actividades para esta noite tan especial.

No monte do Castro, o punto máis elevado do centro da cidade, está programado ao solpor (21.30h) un concerto da Orquesta Clásica de Vigo a modo de benvida ás estrelas fugaces, na esplanada das anclas. Xa á noite, cando as estrelas comecen a deixarse ver, a Orquesta interpretará, só iluminados pola luz dos atrís, a obra Os Planetas de Gustrav Holst.

En Vigozoo continúan co seu ciclo de astronomía de tódolos sábados de verán, mais esta fin de semana é especial, xa que pasan a quedada ao domingo 12, aumentando o aforo ata as 200 persoas e debido á presenza de moitas crianzas, haberá actividades dirixidadas a elas, como aprender a ler un planisferio ou coñecer a orixe das perseidas. O horario tamén será máis dilatado, chegando ata máis das 00:30, que é o horario habitual das quedadas astronómcias, e cunha chocolatada ao remate da xornada.

REVISTA NOVEMBRO

Outra opción, probablemente a máis fermosa, é ver o ceo desde o mar, xa que as navieras Mar de Ons e Nabia ofertan percorridos nocturnos pola ría para observar as estrelas, cun prezo de 20 euros en adultos e de 10 euros en nenos e nenas ta 12 anos. Tamén existe a posibilidade de ver este fenómeno desde as Illas Cíes, onde haberá actividades especiais de astronomía e radioastronomía e un observatorio móbil. A maiores desta actividade, o Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece duranto todo agosto actividades e charlas gratuitas para todos os públicos sobre astronomía.

Ademais destes dous enclaves, en Vigo e especialmente nos seus arredores existen numerosos sitios onde poder observar este espectáculo celeste. Recoméndanse buscar zonas pouco iluminadas, polo que o ideal é afastarse un pouco da cidade e de toda a súa luminosidade, e no ceo mirar á parte contraria de onde está a Lúa, á zona máis escura. Como punto positivo, destacar que este ano teremos Lúa Nova o día 10, facilitando así a observación dos astros.

A priori parece que este ano o bo clima e a escasa nubosidade acompañarán e poderemos ver estas cometas (máis ben restos de cometas) brillar no ceo vigués, aínda que isto non se saberá seguro ata o propio día. Un evento anual único para gozar só ou en compañía, de pé ou tumbado, en silencio ou con música, que esta fin de semana poderemos observar tanto o sábado como, especialmente, o domingo á noite.