O voto popular decidirá os Premios Martín Códax da Música
Os Premios Martín Códax da Música desvelaron as 45 bandas e artistas, 9 salas, festivais e canles de comunicación, e 3 candidaturas emerxentes, que pasan á segunda fase de votación na tarde do mércores 7 na Bodegas Martín Códax. Unha vez a selección de finalistas é publica, arranca o voto das socias e socios de Músicas ao Vigo e do público xeral, do 8 ao 25 de maio. Entre os finalistas atopamos nomes de Vigo e arredores: a Sala Rebullón, o Festival Alternativo Millo Verde, o xornalista Rodri Míguez ou os artistas Nadie González, Brais das Hortas, Crúas, Lontreira, Migui Bouzó, Hugo Guezeta ou Uxía.

Xoán Allegue López, presidente das Bodegas Martín Códax, e Sheila Patricia, e Patty Castro, presidenta e tesoureira de Músicas ao Vivo respectivamente, actuaron de mestres de cerimonia no encontro de finalistas nas bodegas de Cambados. Na categoría Blues, Funk e Soul os aplausos foron para Victor Aneiros, Helena Egea e Allo Negro, que se repetiron despois nesa tarde con Alana, Coanhadeira, De Ninghures, na categoría folk. En Músicas do Mundo e Mestizaxe os finalistas son Crúas, dúo formado por Alba Ermida, cantante e clarinetista, e a pianista Iria San Marcial, o espírito festivo de Fanfarria Taquikardia e os sons africanos de TanDub; na categoría de Canción de Autor/a resultaron finalistas artistas de diferentes xeracións: Migui Bouzó, novisimo talento desde Vigo, a cantante de Cee Rocío Caamaño, e A Pedreira, a viaxe musical dunha das grandes voces galegas, Ugia Pedreira.
Na categoría de Músicas Urbanas, na que se congrega moito talento e mocedade, resultaron finalistas Amoebo e os seus ritmos pop e latinos, o rapeiro Hugo Guezeta e a rapeira Nadie González. O ámbito das Orquestras, Grupos e Música de Verbena quedou representado nos finalistas A Banda da Balbina, Los Satélites e Son das Tabernas, e en Metal e Heavy o recoñecemento foi para Acouga, Brutal e Sicixia. A Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Musical do Rosal e Banda de Música Municipal da Estrada foron as finalistas na categoría de Bandas de Música Popular. En Música Tradicional dúas cantantes finalistas conectadas coa tradición oral no presente: Carmela e Faia, e unha formación, Unto Vello, mocedade centrada na recuperación dos cantares tradicionais. Brais das Hortas, Golfiño e Pakolas son finalistas 2025 en Música Infantil e a pianista e investigadora María Domínguez, o compositor e docente Juan Eiras, e a pianista e compositora María Mendoza, en Música Clásica e Contemporánea.
Na tarde do mércores 7 tamén ovación nalgunhas categorías das que máis candidaturas reciben en cada edición dos Premios Martín Códax da Música. En Electrónica son finalistas Lontreira, Rumia e Russ; en Jazz e Músicas Improvisadas, Valentín Caamaño, Baldo Martínez Sexteto e Orquestra Galega de Liberación; en Rock e Punk, Os John Deeres, Loita Amada e, Mad Martin Trio, e por último, en Pop e Indie, Måi, o proxecto liderado por Iseo Agilda, a cantante Sabela e o grupo ferrolán Zavala.
Pop, rock e tradicional en Artista Emerxente
Os tres finalistas na categoría Artista Emerxente, instaurada en 2022, son Ash Diz, Ulex e Paracetafolk, proxectos representativos da diversidade da música do país. Os proxectos finalistas nos Organistrum dedicados aos medios e canles de comunicación encádranse no mundo da radio e do audiovisual. Cuac fm, a radio comunitaria da Coruña que emite desde 1996, Recollendo Músicas, formato estreado o pasado ano en Agalega na procura da pegada que a música de raíz e os ritmos tradicionais galegos teñen nas músicas actuais e dirixido por Saul Rivas e Borja Casal, e A canle de Rodri Míguez, o espazo de divulgación promovido polo xornalista do mesmo nome.
Os tres festivais finalistas nos Organistrum da 12ª edición dos Martín Códax son Asalto ao Castelo de Vimianzo, Festas do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela), e o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela). No caso das salas, as tres finalistas son das máis activas na promoción da música ao vivo con especial atención á música galega: A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), a Sala Rebullón (Mos) e Riquela Club (Santiago de Compostela).

Comeza a segunda fase de votacións
Do 31 de marzo ao 25 de abril o xurado profesional dos Premios encargouse de seleccionar os proxectos finalistas entre as candidaturas presentadas. O xurado 2025 estivo formado pola cantante Uxía, o técnico Xurxo Piñeiro, o xornalista Noel Feáns, o músico Óscar Rilo, de Dark Embrace, e a directora técnica de la Real Filharmonía de Galicia, Sabela García. Unha vez a selección de finalistas é publica, arranca o voto das socias e socios de Músicas ao Vigo e do público xeral, do 8 ao 25 de maio. O público poderá votar a través dun sistema de puntos nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva, cunha soa validación por usuario. No reconto final, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo. En 2024, cando por primeira vez se habilitou o voto para público xeral, foron case 4.000 persoas as que participaron.
OS PROXECTOS FINALISTAS 12º PREMIOS MARTÍN CODAX DA MÚSICA
Blues, Funk e Soul: Victor Aneiros, Helena Egea, Allo Negro
Folk: Alana, Coanhadeira, De Ninghures
Músicas do Mundo e Mestizaxe: Crúas, Fanfarria Taquikardia, TanDub
Canción de Autor/a: Migui Bouzó, Rocío Caamaño, A Pedreira
Músicas Urbanas: Amoebo, Hugo Guezeta, Nadie González
Orquestras, Grupos e Música de Verbena: A banda da Balbina, Los Satélites, Son das Tabernas
Metal e Heavy: Acouga, Brutal, Sicixia
Bandas de Música Popular: Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Musical do Rosal, Banda de Música Municipal da Estrada
Música Tradicional: Carmela, Faia, Unto vello
Música Infantil: Brais das Hortas, Golfiño, Pakolas
Música Clásica e Contemporánea: María Domínguez, Juan Eiras, María Mendoza
Electrónica: Lontreira, Rumia, Russ
Jazz e Músicas Improvisadas: Valentín Caamaño, Baldo Martínez Sexteto, Orquestra Galega de Liberación
Rock e Punk: Os John Deeres, Loita Amada, Mad Martin Trio
Pop e Indie: Måi, Sabela, Zavala
Finalistas Organistrum:
Proxectos de Comunicación e Difusión: Cuac fm, Recollendo Músicas e A canle de Rodri Míguez
Festivais: Asalto ao Castelo de Vimianzo, Festas do Barrio de San Pedro, Festival Alternativo Millo Verde
Salas: A Pousada da Galiza Imaxinaria, Sala Rebullón, Riquela Club
Finalistas Artista Emerxente: Ash Diz, Paracetafolk, Ulex