O vigués Alberte Mera inicia a rodaxe da primeira longa sobre Moncho Reboiras
A longametraxe documental Reboiras. Acción e corazón xa está na fase de rodaxe, após remataren os últimos aspectos da preprodución. Trátase da primeira película sobre Xosé Ramón Reboiras Noia e verá a luz no ano 2020, cadrando co 45 aniversario do seu asasinato a mans da ditadura franquista.
O filme documental Reboiras. Acción e corazón comezouse a rodar a semana pasada en Teo e chegará ás pantallas en 2020, levando por vez primeira a vida de Moncho Reboiras ao cinema. O seu director é o vigués Alberte Mera, no que será o seu quinto traballo como realizador. A produción corre a cargo da Fundación Terra e Tempo, coa que Mera xa traballou nas súas dúas últimas longas documentais: Clamor da Terra (2012) e Lume Novo (2013).
O filme quere construír un retrato fiel de Ramón Reboiras Noia, a última vítima mortal da ditadura franquista en Galicia, asasinado o 12 de agosto de 1975. Con só 25 anos, sufriu múltiples disparos da policía na rúa da Terra de Ferrol. Mera reconstruirá a vida de Reboiras e o seu pensamento a través de entrevistas a máis de 15 testemuñas que partillaron diversas etapas da vida con el. Ademais, a película incluirá secuencias audiovisuais que recrearán momentos de relevancia na vida do protagonista e que se realizarán en colaboración con Nós Produtora Cinematográfica Galega.
A rodaxe comezou polas entrevistas. Así, iniciáronse os traballos de filmación no concello de Teo o pasado 9 de agosto, cunha entrevista conxunta ás dúas últimas persoas coas que Reboiras se atopaba antes de ser asasinado: Elvira Souto e Lois Ríos. Alberte Mera salientou que “as claves do filme son precisamente a presentación humana de Moncho Reboiras e a construción do mito desde a vertente humana”.
Para facer posible este filme, veñen de abrir na Fundación Terra e Tempo unha campaña de micromecenado para que todas as persoas que desexen colaborar poidan facer as súas doazóns a través da seguinte ligazón. As persoas que desexen participar no micromecenado poderán escoller entre diversas modalidades de achegas (10, 20, 50, 200 ou 500 euros). En función da opción escollida, recibirán unha serie de obsequios cos que a Fundación Terra e Tempo desexa agradecer a súa implicación.