O skate adaptado será unha das novidades do Marisquiño
A próxima edición de O Marisquiño (8-11 de agosto) contará por primeira vez na súa historia cunha competición de skate adaptado na que participarán grandes especialistas do deporte mundial que, ademais, supoñen un exemplo de superación para as novas xeracións.
Os norteamericanos Kanya Sesser e Dan Macina, o australiano Richard Moore, o brasileiro Italo Romano ou Marcelo Lusardi, skater invidente e embaixador do proxecto para esta edición de O Marisquiño, serán algunhas das grandes figuras internacionais que participarán na competición que se celebrará os mesmos días que a da Copa do Mundo de Skate e terá a mesma dotación económica que esta, con 3.000 euros para o gañador, 1.500 para o segundo e 800 para o terceiro.
Varios dos atletas que van estar presentes na proba de Vigo conseguiron premios importantes, ocupan destacados postos na clasificación mundial e participaron en Xogos Paralímpicos. Trátase dunha oportunidade única para ver en España a figuras ás que é moi complicado reunir nunha mesma proba e que permitirá mostrar ao público as incribles habilidades dun grupo de deportistas para os que a discapacidade non é máis que un acicate para competir ao máximo nivel.
A pista na que competirán estes nove riders internacionais será a mesma que a que utilizan os participantes na WCS pero contará con algúns módulos especiais para que sexa apta para a competición do skate adaptado. As probas celebraranse o venres á primeira hora da tarde (15:00 a 15:50) e o sábado (13:20-14:20) e domingo (12:40-13:40) en sesións matinais.