REVISTA ABRIL

‘O Rei da Sabana’ e Super Wings, dúas novas propostas infantís para Castrelos

Se o outro día eran Queen e Shrek, hoxe confírmase a presenza sobre o escenario de Castrelos do musical O Rei da Sabana (05/08), onde medio centenar de persoas recrearán as aventuras de Simba; e Super Wings Live Show (07/08), unha das series de animación máis vistas en Clan TV. Ambos serán ás 20:00 da tarde con entrada de balde en todo o recinto.

REVISTA ABRIL

O cartel de Vigo en Festas en Castrelos, a pesar da cancelación do concerto de Ara Malikian, vaise completando pouco a pouco, tanto para maiores como para pequenos. A semana pasada coñeciamos que QueenManía e Shrek o Musical serían os encargados de facer as delicias das crianzas os días 4 e 6 de agosto, respectivamente. Nesta ocasión, serán o musical O Rei da Sabana e o espectáculo de Super Wings quenes traerán ledicia á infancia viguesa.

O Rei da Sabana é unha adaptación ao galego da mítica película de Disney O Rei León, onde medio centenar de persoas, entre as que figura un coro formado por trinta voces, tomarán o escenario de Castrelos para recrear as aventuras de Simba e compañía. É un espectáculo de dúas horas de duración que vén de ter moito éxito noutras zonas de Galicia, no que se mesturará o teatro, danza e música nunha perfecta simbiose para todos os públicos. Será o luns 5 de agosto ás 20:00.

Polo outro lado, o Super Wings Live Show traerá o mércores 7, á mesma hora, o espectáculo musical en vivo da exitosa serie de Clan TV, un show creado para gozar en familia, onde a música, a diversión e a participación son os protagonistas. O público vivirá a experiencia de adentrarse no mundo Super Wings cunha visita ao Aeroporto Internacional, a súa base de operacións. Jett, Dizzy, Donnie e Jerome montaron unha gran festa para recibir a todos os nenos e nenas, a que tamén estará invitada Sky, mestra de cerimonias e controladora aérea do Aeroporto.

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos