‘O raro é que bailar sexa raro’, de VACAburra
«VACAburra é a colisión de dúas artistas, unha vaca e unha burra, nun proxecto coreográfico en clave contemporánea». Andrea Quintana (alias «Variopinta») e Gena Baamonde (alias «Mullerona») chegan á sala Ártika coa peza O raro é que bailar sexa raro, unha celebración da danza e da diversidade que racha con calquera canon.
Neste espectáculo unipersoal, Quintana ensina ensinándose, nunha posta en escena das súas destrezas físicas, mais tamén das súas eivas, sen renunciar á poética do corpo queer, do corpo diverso, do corpo alén do «normal» para axitar o ollar burgués e normativo que temos. As voces de creadoras como a escritora Joana Russ ou como as activistas LGBT+ Linn-Liniker resoan nunha dramaturxia cun discurso directo e potente, en que as estratexias de visibilidade, as identidades disidentes e a ficción bastarda se unen para artellar unha «coreo-biografía-pirata» que se desenvolveu ao abeiro do programa das Residencias Paraíso do Colectivo RPM.
Davide González no espazo sonoro, Baltasar Patiño na iluminación, A muller de 6 ollos na imaxe e Saturna no vestiario completan o equipo desta produción recomendada por Redescena, a Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública. Danza autobiográfica, danza contaxiosa, danza incómoda, danza plural, danza provocativa, danza revolucionaria; danza con vontade de comunicar, de remexer conciencias, de transcender. Como din no colectivo VACAburra, «isto vai de bailar bailando».
Data e hora: sábado 16 e domingo 17; ás 20:00 h
Lugar: Sala Ártika
Entradas: 10,00 € (anticipadas); 14,00 € (billeteira)
Ernesto Is
Últimos posts de Ernesto Is (ver todos)
- ‘Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos’, de VACAburra - 31 Maio, 2024
- ‘Soñar al borde del precipicio’, de Anómico Teatro - 20 Maio, 2024
- ‘Helen Keller, a muller marabilla?’, de Chévere - 5 Marzo, 2024
- ‘O raro é que bailar sexa raro’, de VACAburra - 12 Decembro, 2023
- ‘Deadpan Karaoke’, de Ibuprofeno Teatro - 6 Novembro, 2023