CAMELIAS MASCOTAS

A lección de ‘O Profesor’

Paula Cermeño, redactora desta revista, gaña o II Desafío Audiovisual Illas Cíes co documental ‘O Profesor’, que retrata a vida do seu avó Jose Carlos Cermeño nas Illas Cíes. En exclusiva comparte con todos os lectores d’ A Movida o documental que se poderá visionar en aberto ata o martes ás 21h.

Paula Cermeño e Pablo Vázquez durante a gravación do documental nas Illas Cíes.

O pasado mes de setembro Paula díxome que marchaba ás illas Cíes gravar un documental sobre o seu avó, quen aos seus noventa anos pasa boa parte do ano vivindo no arquipélago vigués. A noticia pilloume totalmente por sorpresa, non tiña idea de que aínda houbese xente que pasase tempadas tan longas vivindo nas Cíes e moito menos podía imaxinar a un señor de 90 anos durmindo meses enteiros nunha tenda de campaña na soidade das illas.

REVISTA NOVEMBRO

Paula estaba emocionada coa idea de gravar ao seu avó e perpetuar así unha experiencia vital que doutra maneira acabaría no caendo esquecemento. Desa emoción contaxiou ao noso tamén compañeiro Pablo Vázquez, quen codirixe o documental ‘O profesor’, e que acompañou a Paula nesta aventura que non saíu como eles tiñan planeado.

Como di a propia Paula no documental: “90 anos son moitos” e o día de poñer rumbo as Cíes, José Carlos non se atopaba ben e decidiu que era mellor quedar na casa de Vigo. Tras pasar o desgusto a dupla formada por Cermeño e Vázquez repúxose, buscando unha forma de contar a historia sen ter ao protagonista na illa. Desde a distancia, O Profesor obrigounos a saír do plan establecido e a tirar de imaxinación e profesionalidade. Os pupilos estiveron á altura e o resultado é unha peza cargada de naturalidade na que somos quen de recrear a vida de Jose Carlos nas Cíes a través das súas palabras, as conversas coa xente da illa que tan ben o coñecen e os ollos da súa neta. Unha curta que nos achega a un costado das Cíes completamente descoñecido para a maioría dos vigueses. Nótase ademais o mimo co que foi feito este traballo, cunhas imaxes espectaculares deste paraíso natural e unha coidada posproducción na que tamén participou Denís Carballás, encargado do son e da banda sonora orixinal.

O Profesor’ pode verse na Casa das Artes (Policarpo Sanz, 15) ata o 17 de abril, onde se reproduce en bucle xunto ás outras catro pezas documentais producidas ao abeiro do programa Desafío Illas Cíes. Na mesma sala tamén están expostas as cinco series de fotografías realizadas no mesmo programa.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.