O Primavera do Cine como “arma da liberdade de expresión”
O Primavera do Cine en Vigo deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o cartel da súa oitava edición, unha obra realizada pola deseñadora María Llauger e que representa todo unha nova onda estilística respecto ás edicións anteriores, pero sen esquecer os valores do certame, que terá lugar do 22 de abril ao 5 de maio.
O principal festival de cinema da cidade xa ten cartel para esta nova edición, que comezará o próximo 22 de abril e rematará o 5 de maio. A obra da viguesa María Llauguer ten varios significados: por un lado, as cores vivas e as flores simbolizan a primavera, mentres que a cámara garda relación co mundo cinematográfico. Doutra banda, Llauger vai máis aló e fai unha referencia a Portugal e á súa Revolución do Caraveis, buscando desta forma poñer énfase no cinema coma unha arma de liberdade de expresión.
Actualmente, o Primavera do Cine en Vigo ten abertas ata o 5 de abril as inscricións para que os colexios de infantil e primaria poidan apuntarse ao ciclo de Cine Miúdo. Esta actividade terá lugar o 25 e 26 de abril no teatro Afundación e será conducida por Caspervek, quen musicalizará en directo grandes obras do cine mudo para que os rapaces poidan aprender a estreita relación que existe entre o cine e a música.
Na propia rolda de prensa tamén se deu a coñecer a colaboración que existe entre o Primavera do Cine e o Conservatorio Superior de Música de Vigo para promocionar o Festival Nas Ondas. Nel, o integrante o grupo Caspervek Brais Rodríguez, xunto coa Orquesta 430 e un coro porá música a A Pasión de Juana de Arco, o clásico do cineasta Carl Theodor Dreyer.