CAMELIAS MASCOTAS

O Pazo dos Escudos ábrese aos vigueses

O emblemático pazo situado en Alcabre amplía a súa oferta cun montón de opcións para persoas que non están aloxadas no hotel. Os mércores organizan sesions afterwork, con piscina, música en directo e a gastronomía de Paparrúa.

O Pazo dos Escudos é un deses lugares emblemáticos que a pesar do seu interese arquitectónico e de estar nun lugar privilexiado permanece descoñecido para moitos vigueses. Desde o ano 2005 acolle no seu interior o hotel cinco estrelas Pazo los Escudos Hotel & Resort, pero cada vez ofrece máis servizos dos que podemos desfrutar sen necesidade de estar aloxados, unha oportunidade única para coñecer por dentro este precioso espazo e gozar do que queda de verán.

Os mércores programan música en directo no espazo axardinado que teñen ao carón da piscina do hotel. A entrada ao concerto inclúe toalla e tumbona para que poidamos dar un baño na piscina; os rapaces do restaurante Paparúa (Laxe, 5) axudarannos a repoñer forzas coa súa oferta de comida, na que fusionan a gastronomía galega con receitas traídas de diferentes partes do mundo. O Bahn Mi vietnamita de vieiras e panceta e o bocadillo de churrasco son as opcións que máis adeptos teñen. Eles tamén son os encargados de prepararnos un delicioso cóctel para saborear de maneira refrescante o que resta de verán.

Se os mércores non podemos escapar ata Alcabre, a piscina está dispoñible desde as 11 ás 20 horas para o noso desfrute calquera outro día da semana. Antes ou despois do chapuzón, podemos alugar unha bicicleta con Mvico e dar un agradable paseo pola costa percorrendo os principais arenais da cidade. Unha ruta chan e sinxela cunhas vistas inmellorables; se queremos chegar un pouquiño máis lonxe tamén dan opción de alugar unha bici eléctrica.

A gastronomía é outro dos puntos fortes do hotel, ademais de comer ou cear no seu restaurante italiano Piacere, os domingos o hotel ofrece a opción de brunch entre ás 11 da mañá e ás 14 do mediodía. Un servizo bufeteno que poderemos probar diferentes pratiños elaborados con produtos do mar, da terra e da horta. Na eggbar atoparemos pratos feitos con ovos en tantas formas como poidamos imaxinar, tampouco faltarán os petiscos doces para deixarnos un bo sabor de boca. É posible combinar o brunch coa entrada ao spa no que realizaremos o circuíto Celta e, se o desexamos, podemos engadirlle algún dos rituais ou tratamentos da súa carta.

Se te achegas ata a finca de Miramar non dubides en deixar algo de tempo para observar a impresionante colección de brasóns que atoparás espallada polos xardíns e os muros ameados do edificio. Trátase  da colección máis grande de escudos nobiliarios existente en Galicia, se prestas atención contarás ata 101.

DATOS DE CONTACTO:

Web: https://pazolosescudos.com/

Facebook: pazolosescudos

REVISTA NOVEMBRO

Instagram: @hotelpazolosescudos

Teléfono: 986 820 820

Enderezo: Avenida Atlántida, 106 (Alcabre)

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.