CAMELIAS MASCOTAS

O órgano Alberdi de 1909, protagonista de novo do Festival 8 pés

A Orquestra Clásica de Vigo confirma a celebración da que será a IV Edición do Festival de órgano 8 pés, que naceu en 2021 co obxectivo de contribuir á posta en valor do único órgano en funcionamiento na actualidade na cidade de Vigo. Será os días 20, 21, 22 e 23 de novembro na Concatedral de Santa María, coincidindo como cada ano coa celebración do día de Sta. Icía, patroa da música.

O órgano Alberdi durante un concerto | Olalla Lojo

O programa do Festival 8 pés terá como protagonista indiscutible o único órgano en activo nun templo da cidade: o órgano Alberdi, de 1909, restaurado en 2017 por Federico Acitores. Un instrumento que, pese á súa antigüidade, esperta cada ano novos achegamentos de seguidores e seguidoras así como o interese do gran público. A cita co festival será os días 20, 21, 22 e 23 de novembro na Concatedral de Santa María, coincidindo coa celebración do día de Sta. Icía, patroa da música.

REVISTA NOVEMBRO

A través desta proposta, o órgano Lope Alberdi de 1909 demostra unha vez máis a súa flexibilidade á hora de se enfrontar ao repertorio para órgano pertencente ás escolas nacionais francesa, española e alemana. Como novidade, en 2024 contarase cun artista convidado italiano, Alberto Pavoni, profesor en Santa Cecilia de Roma. O contraste entre os compositores contemporáneos e aqueles pertencentes á tradición romántica —así como a presenza do atemporal Johann Sebastian Bach— asegura a exploración completa das posibilidades expresivas do instrumento. Estas quedarán reveladas na convivencia de xéneros de orixe barroca, coma o preludio coral ou a fuga, co xénero da sinfonía, que só o órgano pode afrontar como instrumento solista, nunha demostración de recursos tímbricos e dinámicos igualados tan só pola orquestra.

Como ocorreu nas anteriores edicións, o foco estará posto nos e nas profesionais que farán gozar ao público co seu virtuosismo: Montserrat Torrent (Barcelona), Miriam Cepeda (Bilbao), Alberto Pavoni (Roma) e Arturo Barba (Valencia). Nas tres edicións anteriores, o festival contou con importantes referentes do panorama musical estatal como son Arturo Barba (Palau de les Arts), Loreto Aramendi (Begoña,Donosti), Fernando Álvarez (Covadonga, Asturias), Alize Mendizábal (Begoña, Donosti), Juan de la Rubia (Sagrada Familia, Barcelona), Daniel Oyarzábal (Auditorio Nacional, Madrid), Roberto Fresco (Catedral da Almudena, Madrid), Enrique Martín-Laguna (Catedral de Getafe, Madrid) e Carlos Fernández Bollo (Catedral de León).

En 2023 o festival superou as 1200 persoas asistentes. Este evento está contribuindo non só a dar a coñecer o órgano da cidade de Vigo, senón manter un instrumento de máis de 100 anos en óptimas condicións e xerar unha audiencia crítica e estable. Así, o 8 pés – que toma o seu nome da medida de oito pés do tubo máis grave que se adoita empregar de entre os que conforman un órgano– estase convertendo nunha cita ineludible coa historia da música, coa historia da cidade de Vigo e, como non, nunha homenaxe a todas as profesionais do eido da música que nos precederon. Todo isto nunha edición na que a decana das orquestras de Galicia cumpre 40 anos de existencia.